ANPE ESIXE a administración galega O PAGO PUNTUAL DE TRIENIOS E SEXENIOS


29 Xan, 2025

WEBANPE ESIXE O PAGO PUNTUAL DE TRIENIOS E SEXENIOS PARA O PROFESORADO

ANPE reclama á Administración educativa a adopción de medidas urxentes para garantir o aboamento puntual dos TRIENIOS e SEXENIOS do persoal docente e os intereses correspondentes, evitando así os atrasos que actualmente superan os 14 meses desde o seu perfeccionamento.

A regularización dos trienios, baseada exclusivamente na antigüidade do profesorado (tres anos), e dos sexenios, que requiren ademais 100 horas de formación en seis anos, debería realizarse de oficio. Porén, os atrasos na súa actualización están a causar prexuízos económicos inxustificados para o profesorado funcionario e interino.

Desde ANPE recoñecemos o esforzo do persoal administrativo encargado da xestión destes complementos e a escaseza de recursos humanos na Consellería, pero consideramos inaceptable que a falta de persoal repercuta negativamente nos dereitos salariais do profesorado.

Os sexenios, introducidos en 1991 grazas a un acordo entre ANPE e a daquela Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, supuxeron un importante avance na retribución do colectivo docente. Non permitiremos que a demora no seu pago desvirtúe este logro.

Por iso, esiximos que a Administración tome as medidas necesarias para evitar que esta situación se repita en 2025 e garantir así o recoñecemento económico xusto do profesorado e instamos ao persoal afectado a cursar a reclamación de dito aboamento e intereses correspondentes a través da súa sede electrónica.

É INADMISIBLE que os dereitos salariais do profesorado se vexan vulnerados por unha xestión ineficiente; xa abonda de escusas e dilacións inxustificables.