ANPE Galicia reúnese co Conselleiro de Educación


20 Xun, 2024

WEBANPE Galicia reúnese co Conselleiro de Educación e responsables da Consellería de Educación.

 Os Presidentes Nacional e Autonómico e membros da executiva de ANPE Galicia reúnense cos responsables da Consellería para esixir melloras nas condicións de traballo do profesorado galego.

  •  Aplicación efectiva e rigorosa do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia asinado recentemente. A Comisión de seguimento de dito Acordo debe funcionar de xeito que vele polo correcto e rigoroso cumprimento do mesmo, empezando pola necesidade de dar as mesmas instrucións CLARAS e PRECISAS ás inspeccións educativas e que estas actúen do mesmo xeito cos equipos directivos evitando INTERPRETACIÓNS innecesarias.
  •  Restablecemento do pago dos meses de verán para o profesorado interino que traballe máis de cinco meses e medio ao longo do curso académico, tal e como se recolle no Acordo de Interinos, así como o mantemento de dito acordo asinado por ANPE e outras organizacións sindicais.
  •  Necesidade de establecemento dunha regulación normativa das materias afíns nos centros educativos galegos.
  •  Necesidade de potenciar e poñer en valor a realización efectiva da función das titorías de alumnado.
  •  Necesidade de que o goberno autonómico faga presión ante ao Goberno central do Estado para acadar que todo o profesorado se encadre nun único grupo 
  • funcionarial A1 para deste xeito homoxeneizar os dereitos retributivos e administrativos de todo o colectivo docente.
  •  Establecemento dunha normativa autonómica que permita a compatibilidade entre o desempeño da función docente e outras actividades remuneradas.
  •  Implantación e potenciación dun protocolo e plans de saúde mental e laboral tanto do alumnado como do profesorado galegos (e máis agora na etapa postcovid).
  •  Necesidade de implantar a figura da Enfermería Escolar en todos os centros educativos galegos.

Ademais de dar traslado das nosas principais peticións tamén tivemos ocasión de compartir a nosa preocupación por cuestións que están á orde do día como poden ser a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en relación ao abuso da temporalidade no emprego público no ámbito estatal ou o desenvolvemento normativo específico tras a publicación dos Reais Decretos de modificación dos títulos de ciclos formativos de Formación Profesional; así como a situación das Ensinanzas Artísticas e o seu profesorado tras a recente aprobación do texto da Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Desde ANPE Galicia agardamos que as peticións e reivindicacións trasladadas á Administración nesta xuntanza non caian en saco baleiro e poidan materializarse nos vindeiros anos en aras de acadar unha efectiva mellora da calidade do sistema educativo público galego e dos seus docentes, tarefa pola que desde a nosa organización seguiremos loitando día a día.