ANPE presenta un escrito para permitir a toma de posesión ao persoal afectado pola Covid-19


02 Set, 2020

WEBANPE Galicia solicita por escrito á Consellería que ningún interin@ e/ou substitut@ se quede sen cubrir a vacante que lle corresponda por mor da COVID-19.

EXPÓN:

Ante o inminente comezo dun novo curso escolar agárdanse, nos vindeiros días e como ven sendo habitual, un importante número de vacantes que deberán ser cubertas por profesorado interino e substituto. Ao mesmo tempo, o comezo do curso traerá tamén aparellado o reinicio dos chamamentos para a cobertura de substitucións. En calquera caso, nos vindeiros días unha cantidade importante de profesorado interino e substituto comezará a traballar e deberá tomar posesión dos seus destinos.

Sen embargo, a excepcional situación derivada da COVID-19 pode producir a casuística de que, nalgún caso, dito profesorado interino ou substituto non poida tomar posesión do seu destino ben por atoparse infectado ou illado ou ben por atoparse en corentena ao ser contacto dalgunha persoa afectada xa que a normativa actual impide a toma de posesión en ditas circunstancias. Esta casuística supón, desde o punto de vista da nosa organización, un grave prexuízo tanto económico como laboral para o profesorado afectado.

Por todo isto, SOLICITA:

Que a Consellería permita a toma de posesión de todo aquel profesorado interino e/ou substituto que, no momento do seu chamamento, se atope illado ou infectado pola COVID-19 ou en corentena por causas derivadas deste ou en calquera outra circunstancia derivada da COVID-19 e, polo tanto, recoñeza os seus contratos tanto a nivel administrativo como económico desde o primeiro día.

Así mesmo, solicita que a Consellería proceda á cobertura automática das vacantes xeradas polo profesorado afectado mentres estean na situación descrita e non poidan incorporarse ao seu destino.

Xustificante rexistro

Solicitude Rexistro