• Noticia nova

CCOO Ensino, CCOO, ANPE, UGT e CSIF celebran a Mesa Sectorial das novas medidas de mellora


07 Mai, 2026

WEB - CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF celebran o paso pola Mesa Sectorial das novas medidas de mellora do ensino público galego


As organizacións asinantes destacan que as propostas desenvolven o Acordo sobre medidas de mellora, respectan a negociación colectiva e permitirán aplicar novos avances desde o curso 2026/27.

CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF valoramos positivamente que se inicie o paso pola Mesa Sectorial das primeiras medidas froito do traballo desenvolvido na comisión de seguimento do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal docente, publicado no DOG en xaneiro de 2024.

Fronte á desinformación interesada, cómpre lembrar que sempre defendemos que estas propostas debían pasar polos órganos correspondentes de negociación. E iso é precisamente o que se está facendo.

As medidas supoñen avances moi relevantes: recuperación das 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial; recoñecemento horario da función titorial; reforzo dos equipos directivos; e máis atención á diversidade.

Respectamos a lexitimidade de todas as mobilizacións e folgas en defensa do ensino público, mais entendemos que a mobilización debe servir para abrir negociacións e conseguir resultados. No noso caso xa estabamos dentro dun marco de diálogo que xa existía, estaba aberto a novas incorporacións —como demostrou CSIF— e agora comeza a traducirse en melloras concretas.

Lamentamos que se tente presentar estes avances como unha concesión unilateral da Consellería, como unha renuncia ás reivindicacións do profesorado ou como consecuencia dun proxecto de lei estatal aínda sen garantías de aprobación. Estas medidas son froito de anos de traballo sindical, negociación sostida e da decisión responsable de manter vivo un Acordo que xa permitiu frear recortes, reducir ratios, consolidar emprego docente, mellorar retribucións e recuperar horario lectivo en Infantil e Primaria.

A nosa posición é clara: nin propaganda, nin confrontación estéril, nin parálise. Seguiremos defendendo as melloras pendentes e esixindo garantías para que cada avance se traduza en máis profesorado, máis apoios e mellores condicións nos centros.

CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF seguiremos na mobilización cando sexa necesaria, na negociación sempre que sexa posible e na defensa do ensino público todos os días.