• Noticia nova

ANPE e ANP celebran o X Encontro Hispano-Luso: “Somos docentes: valorizamos o ensino”


30 Mai, 2025

WEBX Encontro Hispano-Luso organizado por ANPE e ANP (Associaçao Nacional de Professores de Portugal) na cidade de Ourense os días 30 e 31 de maio

Hoxe e mañá, a cidade de Ourense acollerá o X Encontro Hispano-Luso, unha cita xa consolidada no calendario educativo ibérico, organizada por ANPE Sindicato Independente e por ANP (Associação Nacional de Professores de Portugal).

Baixo o lema “Somos docentes: valorizamos ou ensino”, o encontro reunirá a representantes institucionais, expertos en educación, investigadores e docentes de ambos os países para reflexionar sobre os principais retos compartidos no ámbito do ensino. A cita servirá como espazo de diálogo e cooperación transfronteiriza, co obxectivo de fomentar o recoñecemento e a mellora continua da profesión docente.

O evento, que terá lugar no Paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo, inaugurarase o venres 30 de maio ás 16:00 horas coa participación de Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Francisco Venzalá, presidente nacional de ANPE; Paula Figueiras, presidenta nacional de ANP; Julio Díaz, presidente autonómico de ANPE Galicia; e Yolanda Domarco, presidenta provincial de ANPE Ourense.

O programa estrutúrase en catro mesas temáticas que abordarán cuestións crave como a inclusión e a equidade educativa, a avaliación comparada dos sistemas educativos, a formación e os modelos de carreira docente en España e Portugal, o uso de tecnoloxías pedagóxicas e a xestión da diversidade con metodoloxías activas. Entre os relatores, destacan representantes de ANPE de diferentes comunidades autónomas, investigadores de renome das universidades do Porto, Coimbra e a Universidade Aberta, e responsables institucionais de ambos os países.

O venres 30 presentarase o relatorio ‘Lusofonía nos centros educativos’ e desenvolveranse as dúas primeiras mesas. Na primeira delas analizaranse os desafíos dos sistemas educativos de España e Portugal, mentres que a segunda centrarase en políticas educativas exitosas.

O sábado 31 de maio celebraranse outras dúas mesas, que tratarán o desenvolvemento profesional docente e os retos educativos na era dixital.

Un foro de colaboración entre docentes Este encontro reafirma o compromiso de ANPE e ANP por reforzar os lazos educativos entre España e Portugal, promovendo o intercambio de boas prácticas e experiencias docentes a ambos os dous lados da fronteira.

Cunha mirada compartida cara ao futuro, o X Encontro Hispano-Luso volve ofrecer unha oportunidade para poñer en valor o traballo dos profesionais da educación en ambos os países e reivindicar o seu papel esencial na transformación das nosas sociedades.