ANPE reclama un incremento superior ao 5% para o persoal público


13 Xan, 2025

WEB ANPE, primeira forza sindical a escala estatal entre o profesorado do ensino non universitario, reclama ao Goberno un incremento salarial superior ao 5% en 2025 para os empregados públicos co fin de recuperar parte do poder adquisitivo perdido nos últimos anos.

O pacto salarial que se subscribiu no seu día para o período 2022-2024 tivo uns efectos claramente regresivos para o persoal público. Desgraciadamente, o tempo deu a razón a ANPE, que advertiu desde o primeiro momento de que o acordo asinado en 2022 era moi insuficiente. A subida do 9,5% fixada para o trienio que está a piques de concluír (un 8% fixo máis unha 1,5% variable en función da evolución do IPC) non cumpriu o seu obxectivo de compensar a inflación destes anos, e supuxo un empobrecemento para o persoal docente do ensino público e para o resto do funcionariado.

Hai que lembrar, ademais, que, tras o incremento do 2% fixo correspondente a 2024, queda pendente a subida do 0,5% da parte variable do acordo, que non se viu reflectida aínda nas nóminas do persoal público.

Máis aló do aumento superior ao 5% para o ano 2025, ANPE reivindica un acordo retributivo a longo prazo que permita paliar a perda de poder adquisitivo acumulada polo funcionariado desde 2010, ano en que se aplicaron diversos recortes salariais con motivo da crise económica. Boa parte desas medidas non se reverteron. É o caso, por exemplo, das pagas extraordinarias. A pesar de que o Estatuto Básico do Empregado Público establece que as pagas extraordinarias deben equivaler a unha mensualidade de retribucións básicas e complementarias, isto continúa sen cumprirse e actualmente mantense o recorte de aproximadamente un terzo da súa contía.

ANPE denuncia que esta diminución nas pagas extra supón unha perda anual mínima de máis de 600 euros ao profesorado adscrito ao grupo A2 e de ao redor de 1000 euros ao pertencente ao grupo A1, ao que hai que sumar a parte correspondente aos trienios. Para algúns docentes, esta medida supuxo unha diminución nas súas retribucións de máis de 15.000 euros en total nos catorce anos que leva aplicándose.

 Outra das demandas de ANPE é a equiparación salarial do profesorado do ensino público, independentemente da comunidade autónoma na que traballe. Son inxustificables as diferenzas de remuneración existentes entre as diferentes rexións, que nalgúns casos chegan a alcanzar os 6.000 euros anuais atendendo só ás retribucións básicas, ao que hai que sumar outras situacións de discriminación salarial.