ANPE denuncia que os docentes seguirán perdendo poder adquisitivo


16 Xan, 2024

WEB - O profesorado e o resto de empregados públicos seguiremos perdendo poder adquisitivo en 2024 debido á sensible diferenza entre a exigua subida salarial que se nos aplicará este ano e o notable incremento previsto da inflación.

O aumento retributivo para o funcionariado en 2024 será do 2,5% no mellor dos casos, dado que á subida do 2% establecida poderáselle sumar un 0,5% adicional en función da evolución do IPC harmonizado. De calquera forma, a subida queda moi por baixo da anunciada para o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e da xa aplicada ás pensións.

Desde ANPE lamentamos, por unha banda, que o persoal docente e o conxunto de empregados públicos non perciban aumento algún probablemente ata finais do primeiro trimestre, cando se aproben os Orzamentos Xerais do Estado, cuxa tramitación acumula un importante atraso. Doutra banda, subliñamos que o incremento estimado do IPC é do 4,3% para este ano, o que supón unha diferenza de 1,8 puntos como mínimo respecto á porcentaxe de crecemento nominal das retribucións do funcionariado.

Co aumento acordado para o SMI, a alza da inflación podería ser mesmo algo máis pronunciada, polo que o retroceso dos salarios do profesorado e do resto de funcionarios en termos reais sería aínda maior. Mentres subidas como a do SMI están por encima da prevista para o IPC, o profesorado e o resto do funcionariado continuamos perdendo poder adquisitivo un ano máis. Demóstrase que, como xa advertimos no seu momento, o acordo salarial alcanzado por algúns sindicatos co Goberno para o período 2022-2024 é de xeito evidente insuficiente e non responde as necesidades do persoal docente nin do conxunto de empregados públicos. Chove sobre mollado neste asunto, dado que a perda de poder adquisitivo dos empregados públicos entre 2022 e 2024 estímase xa en máis de 8 puntos, e a caída supera o 30% se se toman como referencia os últimos dous decenios.

Fronte a esta situación, en ANPE reclamamos un incremento salarial real do profesorado e de todo o persoal público que permita recuperar o terreo perdido no que leva de século, particularmente desde os recortes que seguiron á crise de 2008, entre os que destacou a drástica redución das pagas extraordinarias en 2010.

Reivindicamos, neste sentido, a recuperación completa desas pagas extra, así como cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC.

ANPE, Sindicato Independente