• Noticia nova

Valoración do Plan para a redución da burocracia nos centros educativos


21 Xul, 2025

WEB Valoración do Plan para a redución da burocracia nos centros por parte dos sindicatos asinantes do “Acordo sobre medidas de mellora”

Os sindicatos CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP consideramos que o Plan de redución da burocracia nos centros educativos, que vén de presentarse publicamente no día de hoxe, supón un primeiro paso no bo camiño, aínda que reclamamos medidas adicionais para o profesorado. Non obstante, lamentamos o retraso na súa posta en marcha, xa que segundo o punto 7.1 do propio Acordo sobre medidas de mellora, este plan debería estar xa operativo durante o curso 2024-2025.

As organizacións sindicais consideramos que o documento semella ser un plan ambicioso e ben artellado e que corrixiría, unha vez desenvolto, problemas estruturais do sistema educativo galego, coma a existencia de aplicacións informáticas obsoletas ou a excesiva complexidade en moitos trámites administrativos que restan tempo ao labor educativo. Destacamos tamén que o plan recolle actuacións necesarias para avanzar cara a unha xestión máis áxil, coherente e eficiente da información nos centros.

En definitiva, este plan soamente representa un punto de partida. Con todo, nas distintas reunións celebradas coa Consellería, os sindicatos trasladamos as nosas demandas de medidas especificamente dirixidas a aliviar a carga burocrática do profesorado, máis alá da dos equipos directivos. A este respecto, insistimos en que a redución da burocracia debe repercutir directamente na mellora das condicións laborais do conxunto do persoal docente.

Dito isto, existen diversas tarefas administrativas ou burocráticas nos centros educativos que é imprescindible realizar e que, dado o seu volume, só pode mitigarse a súa influencia na docencia se se atacan desde outras perspectivas que non pasan pola optimización de procesos ou a mellora de aplicativos. Entre estas melloras que xa lle trasladamos á Consellería e que lamentablemente non foron incluídas neste plan destacan:

  • A implantación de reducións horarias específicas para o profesorado titor, en recoñecemento ao volume de traballo que esta función supón.
  • A implantación de reducións horarias específicas para profesorado especialista a partir de determinado número de alumnado e/ou grupos que atenda.
  • A dotación de tempo suficiente e recoñecemento (en forma de redución horaria e/ou compensación económica) para as distintas coordinacións docentes existentes nos centros.
  • A urxente adaptación do horario lectivo nos CIFP respecto aos IES e a dotación horaria suficiente para as novas responsabilidades do profesorado relacionadas coa actual lei de FP.
  • A incorporación de persoal administrativo nos centros educativos que permita descargar ao profesorado e equipos directivos das tarefas de xestión máis rutineiras.

A partir do curso 2025-2026 iniciaranse os cambios previstos, o que implicará un proceso de adaptación e esforzo por parte da comunidade educativa. Os sindicatos consideramos que, malia as dificultades do período transitorio, estas actuacións poden supor un salto cualitativo na organización escolar e no tempo efectivo destinado á docencia.

CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP velaremos para que a partir deste momento, todas as accións que se esbozan de forma xenérica nun documento organizativo coma este se traduzan en melloras concretas na carga burocrática que soporta o profesorado e que deben permitir que este poida centrar os seus esforzos no esencial: educar.

Comprometémonos a facer un seguimento rigoroso da implantación deste plan e a esixir o cumprimento dos prazos establecidos. Tamén recolleremos as achegas e reclamacións do profesorado para trasladalas nas reunións de seguimento do Acordo e continuaremos propoñendo melloras que complementen o plan actual.

ACLARACIÓN IMPORTANTE:

Dada a cantidade de comentarios e dúbidas que suscitou entre o profesorado substituto e interino o primeiro anuncio deste Plan de redución da burocracia convén aclarar o seguinte:

  • A aplicación de chamamentos non se empregará no mes de setembro debido ao alto volumen de traballo que debería soportarse nun sistema novo.
  • A implantación desta aplicación deberá facerse unha vez superado un período de probas e verificacións do seu correcto funcionamento.
  • Os detalles en canto ao procedemento deseñado finalmente para estes chamamentos, polo calado das súas reformas, deberá pasar tanto pola comisión de seguimento do “Acordo de persoal interino e substituto” como, seguramente, pola Mesa Sectorial.