WEB - RESUMO DA MESA SECTORIAL COMPLETO
A única modificación que acepta a Consellería de Educación con respecto ao texto presentado e reclamada por ANPE así como por outras organizacións é en relación a medidas de conciliación e o protocolo de actuación para persoas pertencentes a grupos de risco ou especialmente vulnerables. Así, deste xeito, o profesorado que teña fillos/as menores de 12 anos (inclusive) ou o que teña fillos/as con discapacidade acreditada superior ao 33% (independentemente da súa idade) ao seu cargo estará exento de acudir ao seu posto de traballo previa petición á dirección do seu centro.
En relación ao persoal docente de grupos especialmente vulnerables terán que facer a solicitude de estar exento de acudir ao seu centro a través da dirección do centro educativo que remitirá a solicitude á Inspección Médica da provincia que corresponda quen será o que emita o correspondente informe. En tanto en canto non se emita dito informe (que pode decidir, en función da situación médica, a incorporación ou non ao centro de traballo) o/a docente NON acudirá ao centro.
Tamén aclara que este borrador de protocolo afecta ao que resta deste curso escolar e non ten que ver co inicio do curso escolar. Ante esta información desde ANPE Galicia solicitamos que se dean INSTRUCIÓNS CLARAS sobre si o resto de profesorado (que non imparte nin en 2º de bacharelato nin en 2º de ciclos formativos) debe acudir ou non aos centros xa que hai centros educativos que esta mesma mañá informaron ao seu profesorado de que teñen que acudir ao centro o vindeiro luns 25. Respostaron dende a DX que "A presenza do profesorado deses niveis non é obrigada. O centro educativo poderá requirir o seu retorno presencial para atender necesidades específicas, para actividades de avaliación, reunións, sinaturas de actas ou outras actividades de carácter académico ou administrativo.
A Administración tamén aclara que, pese a que no documento se fala del, NON haberá transporte escolar no que resta de curso académico.
Antes de finalizar a Administración informa tamén sobre outro tipo de cuestións como poden ser as probas de acceso a Conservatorios e as probas de certificación das EOI. Con respecto á primeira cuestión informan de que se tratará de facelas telematicamente con carácter xeral salvo naqueles casos excepcionais onde non sexa posible. Con respecto á segunda cuestión, e tal e como xa se informa nas páxinas web das distintas EOI, tanto as probas como a matrícula das mesmas están aprazadas, prevendo inicialmente (e á espera de indicacións por parte do Estado) a súa realización no mes de setembro.
Dado o tardío da hora acórdase aprazar os restantes puntos da orde do día prevista (información sobre as oposicións 2020 aprazadas ao 2021 e orde de prórroga dos nomeamentos das direccións dos centros educativos para unha vindeira Mesa Sectorial a celebrar o próximo martes 26 de maio.