• Noticia nova

Sinatura dunha addenda ao Acordo sobre medidas de mellora para avanzar na redución do horario lectivo


06 Feb, 2026

WEBAs organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia vimos de formalizar a sinatura dunha addenda ao Acordo sobre medidas de mellora, co obxectivo de impulsar a súa aplicación efectiva no sistema educativo galego e mellorar as condicións de traballo do persoal docente.

Esta addenda encádrase nas previsións do Acordo sobre medidas de mellora e ten por finalidade introducir unha precisión de carácter técnico que permita unha aplicación coherente dos compromisos asumidos, sen alterar a súa finalidade nin o contido esencial.

No momento da sinatura do acordo inicial incluíuse unha referencia ao paso de todo o persoal da Xunta de Galicia á xornada laboral de trinta e cinco horas semanais, en función do contexto existente daquela e da previsión de que esa medida se materializase a curto prazo. Porén, ao non terse producido ese cambio con carácter xeral, esa referencia quedou sen efectos prácticos.

Co fin de evitar que unha previsión sen efectos reais condicione ou atrase outras medidas xa previstas no acordo, as partes asinantes consideran necesario eliminar esa cláusula concreta mediante esta addenda. Deste xeito, aclárase o marco de aplicación do acordo e facilítase o desenvolvemento doutras actuacións nel recollidas.

Esta sinatura permite abordar a redución do horario lectivo do profesorado nas etapas educativas de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial, un dos eixos fundamentais do Acordo sobre medidas de mellora, coa previsión de que os primeiros cambios teñan efectos xa no inicio do curso 2026-2027.

As organizacións sindicais asinantes reiteramos o noso compromiso co cumprimento, seguimento e desenvolvemento íntegro do acordo, así como coa mellora progresiva do sistema educativo galego e das condicións laborais do profesorado, desde a responsabilidade e o respecto aos marcos de participación e representación establecidos.

Calquera medida que incida nas condicións laborais do profesorado deberá ser tratada, como corresponde, na Mesa Sectorial, con carácter previo á súa aprobación definitiva.

A redución do horario lectivo constitúe un paso máis na aplicación do Acordo sobre medidas de
mellora. Pola nosa parte, o traballo de CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP continuará orientado a avanzar igualmente noutros ámbitos do propio acordo, como a atención á diversidade, a simplificación das tarefas burocráticas ou a progresiva redución das ratios nas aulas galegas.

Addenda ao acordo asinado, o 11 de outubro de 2023, sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente