Prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas


19 Ago, 2019

DOGRESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 29 de agosto de 2017 (DOG do 8 de setembro), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo, dunha sección bilingüe de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Ourense, a partir do curso académico 2017/18. 

Igualmente, mediante a Orde do 30 de xullo de 2015 (DOG do 12 de agosto), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Pola Resolución do 31 de xullo de 2017 (DOG do 14 de agosto) prorrogouse a sección bilingüe deste centro de ensinanzas artísticas de réxime especial para os cursos 2017/18 e 2018/19. 

O artigo 9 das devanditas ordes establece que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación. 

Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes autorízase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das citadas ordes, resolvese:

 Prorrogar, por un período de dous anos e coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, as seguintes seccións bilingües: 

– A sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– A sección bilingüe de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Ourense.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.