VI Concurso de Traballo por Proxectos. Convocatoria 2018/2019


16 Abr, 2019

WEBVI Concurso de Traballo por Proxectos. Convocatoria 2018/2019

Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 15 de abril de 2019, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), do VI CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2018/2019.

Búscase estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP), realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2018/2019.

Os centros participantes deberán optar por unha destas modalidades:
1. Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou un 40% dos departamentos, no caso d dos centros de ensino secundario).
2.  Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:

Traballos de grupo/nivel
Traballos de ciclo/departamento
Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria.

3. Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas (máximo 3 centros).

Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.

A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero contemplarase un apartado especial de traballos do ámbito científico

    O prazo para a presentación dos traballos remata o 10 de xullo de 2019.