Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE)


07 Xun, 2018

DOG - ORDE do 30 de maio de 2018 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2018 (código de procedemento ED305F).

As modalidades en que se convocan prazas para o profesorado son as seguintes:

1. Modalidade 1: integración. Itinerario formativo en tres fases.

Antes do inicio da actividade da fase B desta modalidade, o profesorado seleccionado que vaia participar nela deberá enviar ao correo electrónico formaes@edu.xunta.es un plan de difusión onde se describa as acción que se compromete a realizar no seu centro de destino para dar visibilidade á experiencia formativa que vai desenvolver e que deberá ser aprobado antes do inicio da mencionada fase.

a) Fase A (25 horas): curso de formación dunha duración dunha semana (7 días) en inglés, francés ou portugués na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá lugar no primeiro trimestre do curso 2018/19.

b) Fase B (100 horas): programa de inmersión total en inglés, francés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal. O profesorado seleccionado integrarase en centros escolares e estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas, no primeiro trimestre do curso 2018/19. No caso do profesorado de formación profesional, o profesorado estará acompañado por un/unha docente dos mesmos módulos cando sexa posible ou por un/unha docente dun módulo afín.

As fases A e B realizaranse de forma consecutiva en tempo durante o primeiro trimestre do curso 2018/19 para garantir a substitución nos centros educativos durante as 5 semanas da duración das actividades.

c) Fase C (ata 25 horas). Difusión da experiencia adquirida.

2. Modalidade 2: cursos. Itinerario formativo en dúas fases.

a) Fase de formación: convócanse os seguintes cursos de lingua estranxeira: Cursos (50 horas) que se desenvolverán no primeiro trimestre do curso 2018/19

b) Fase de elaboración de materiais (ata 25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo segundo as orientacións do anexo VII, no segundo trimestre do curso 2018/19. A equivalencia en horas de formación desta fase será en función da súa avaliación da calidade técnica e didáctica destes materiais.

As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira ou funcionarios/as en prácticas dos corpos docentes detallados neste artigo. No caso dos/das funcionarios/as en prácticas, poderán participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 As persoas que o desexen poderán completar en liña o formulario de solicitude, na páxina web www.edu.xunta.es/piale. As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas solicitantes. Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto coa documentación expresada no artigo 7.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.