• Noticia nova

Centro de Referencia Nacional de Confección en Téxtil e Pel ao CIFP Paseo das Pontes


27 Nov, 2026

BOE - Real Decreto 1049/2026, do 26 de novembro, polo que se cualifica como Centro de Referencia Nacional de Confección en Téxtil e Pel ao Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes, pertencente á Xunta de Galicia, na área profesional de Confección en Téxtil e Pel, da familia profesional de Téxtil, Confección e Pel, no ámbito da formación profesional.

ANPE considera imprescindible que o recoñecemento como Centro de Referencia Nacional vaia acompañado dos recursos necesarios

A incorporación do CIFP Paseo das Pontes á Rede Estatal de Centros de Referencia Nacional supón un importante recoñecemento ao seu labor e unha oportunidade para reforzar a innovación, a formación e a colaboración co sector produtivo no ámbito da FP.

Porén, este novo marco tamén implica asumir máis funcións e responsabilidades, que deben ir acompañadas dunha dotación suficiente de recursos humanos, materiais e económicos.

Desde ANPE consideramos que non se poden atribuír novas competencias e incrementar as esixencias organizativas e formativas dun centro sen garantir as condicións necesarias para desenvolvelas. É imprescindible protexer as condicións laborais do profesorado, evitar sobrecargas de traballo e asegurar o recoñecemento profesional das novas responsabilidades.

O prestixio e a excelencia da Formación Profesional non poden sustentarse no esforzo adicional do profesorado, senón nun compromiso real da Administración cos recursos e coas condicións necesarias para garantir a calidade do ensino público.