WEB - Plan anual de capacitación do profesorado de Formación Profesional
Aspectos positivos
- Maior oferta de formación especializada. Facilita o acceso a formación en ámbitos de alta demanda (IA, ciberseguridade, robótica, Industria 5.0, etc.), mellorando a cualificación profesional.
- Actualización tecnolóxica. Permite manter o profesorado ao día en sectores en constante evolución, especialmente na Formación Profesional.
- Máis relación coas empresas. As estadías formativas e a colaboración co tecido produtivo poden achegar unha visión máis real das necesidades do mercado laboral e trasladalas á práctica docente.
- Impulso á innovación metodolóxica. Promóvense metodoloxías activas, a aprendizaxe baseada en proxectos e o uso de novas ferramentas dixitais.
- Internacionalización. Amplíanse as oportunidades para participar en programas europeos e mellorar a competencia lingüística.
- Desenvolvemento profesional. A especialización pode favorecer a participación en proxectos de innovación e fortalecer o perfil profesional do profesorado
Aspectos negativos ou retos
- Incremento da carga formativa. A actualización permanente convértese nunha expectativa cada vez maior, o que pode supoñer máis dedicación fóra do horario lectivo.
- Maior esixencia tecnolóxica. Non todo o profesorado parte do mesmo nivel de competencia dixital, polo que a incorporación acelerada da IA e doutras tecnoloxías pode xerar desigualdades e presión profesional.
- Máis burocracia. A participación en proxectos de innovación e formación adoita levar asociadas memorias, avaliacións e outras tarefas administrativas.
- Dependencia dos recursos dos centros. Moitas das actuacións previstas requiren equipamento e infraestruturas que non sempre están dispoñibles en todos os centros educativos.
- Posible afastamento da realidade dalgunhas especialidades. Algunhas liñas formativas poden responder mellor ás necesidades de determinados sectores produtivos ca ás doutras familias profesionais.
- Máis responsabilidades sen compensación. O plan incorpora novas competencias (intelixencia artificial, dixitalización, internacionalización, orientación, sustentabilidade…) sen prever unha redución doutras tarefas docentes nin medidas específicas de compensación.
Sobre o papel, este plan presenta obxectivos ambiciosos e medidas que poden contribuir á mellora da Formación Profesional. Porén, a experiencia acumulada polo profesorado lévanos a ser prudentes. Ao longo dos anos vimos como moitas iniciativas se traduciron nun incremento das funcións docentes, da burocracia e das esixencias de formación, sen que iso fose acompañado de máis tempo, máis recursos, máis recoñecemento profesional ou unha mellora das condicións laborais.
Desde ANPE, entendemos que a modernización da FP non pode sustentarse unicamente no compromiso e na boa vontade do profesorado. A innovación, a dixitalización e a formación continua requiren investimento, redución de carga burocrática, tempo dentro da xornada laboral para a actualización profesional e medidas reais de apoio aos centros e ao persoal docente.
Porque o papel aguanta todo, pero os plans só serán cribles se veñen acompañados de compromisos concretos e de recursos suficientes. Sen iso, existe o risco de que esta nova folla de ruta acabe converténdose, unha vez máis, nunha acumulación de obrigas e responsabilidades que recaian exclusivamente sobre o profesorado.