• Noticia nova

Servizos mínimos folga. ANPE non secunda nin convoca


27 Abr, 2026

DOG - ORDEN de 24 de abril de 2026 por la que se dictan normas que determinan los servicios mínimos durante la huelga convocada para el día 28 de abril de 2026 en el ámbito del personal docente de los centros educativos públicos de esta consellería

 

SERVIZOS MÍNIMOS: quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros.

  • Dirección ou membro do equipo da dirección.
  • Nos centros de menos de 6 unidades a persoa titular da dirección poderá ser substituída por un membro do equipo docente. 

Dereitos 

  1. Secundar a folga legalmente convocada. 
  2. Non acudir ao centro se se participa na folga. 
  3. Non ser substituído por outro docente. 
  4. Non sufrir sancións nin represalias pola participación. 
  5. Exercer liberdade sindical e de expresión no marco legal. 

Deberes / consecuencias

  1. Asumir o desconto de salario (día proporcional + parte da paga extra).
  2. Cumprir os servizos mínimos se se está designado.
  3. Respectar o dereito a non folga doutros compañeiros.
  4. Non obstaculizar o traballo de quen non secunde a folga.
  5. Aceptar que non se recupera o día de folga con horas ou tarefas posteriores.

Segundo os artigos 2.1 e 3 un docente incluído en servizos mínimos non pode legalmente secundar a folga.

  • O folguista ordinario → só perda de salario.
  • O designado en servizos mínimos que non acode → perda de salario + responsabilidade disciplinaria, ao ser unha obriga legal ineludible.

​ANPE é plenamente consciente e comparte o compromiso do profesorado e do conxunto da comunidade educativa na defensa dun ensino público de calidade. A mellora das condicións laborais e profesionais do profesorado, así como o fortalecemento do sistema educativo público, constitúen obxectivos irrenunciables que esta organización sindical leva anos defendendo con responsabilidade, coherencia e vocación de servizo.
As mobilizacións e as folgas son ferramentas lexítimas de acción sindical e forman parte dos mecanismos de defensa dos dereitos do profesorado. ANPE respecta profundamente a decisión individual de participación nelas. Con todo, entendemos que non poden converterse nun fin en si mesmas nin substituír os espazos de traballo efectivo onde se producen os avances reais. A súa eficacia depende, en última instancia, da súa capacidade para favorecer escenarios de negociación útiles e produtivos.
A experiencia acumulada demostra que é precisamente no ámbito do diálogo, da negociación rigorosa e da unidade sindical onde se acadan melloras concretas e duradeiras. Lonxe de dinámicas de confrontación que non sempre se traducen en resultados efectivos, ANPE ten apostado de maneira constante por unha vía de traballo sostido, esixente e responsable coa Administración educativa.
Neste momento, a práctica maioría das reivindicacións que motivan a convocatoria de folga forman parte xa de procesos de diálogo e traballo abertos, nos que ANPE está a participar activamente, defendendo con firmeza os intereses do profesorado. Os avances que se están a producir evidencian que esta vía é útil e que permite avanzar en cuestións clave para o sistema educativo.
Por todo o exposto, ANPE non secundará a folga convocada para o día 28 de abril ao considerar que o contexto actual require consolidar e reforzar os espazos de diálogo xa en marcha. Esta decisión responde a unha análise rigorosa da situación e a un compromiso claro coa consecución de resultados efectivos para o profesorado.
ANPE continuará traballando con determinación, responsabilidade e independencia na defensa dun ensino público de calidade e das condicións do profesorado, empregando todas as ferramentas ao seu alcance, sempre coa prioridade de acadar avances reais e sostibles.