• Noticia nova

Matricula aos teus fillos e fillas en centros públicos


03 Mar, 2026

WEB ANPE anima a matricular ao alumnado en centros públicos, referentes en profesionalidade docente e compromiso co desenvolvemento integral de cada estudante

Elixir o ensino público é unha aposta segura: calidade educativa ao alcance de todas as familias

 

Coincidindo coa próxima apertura dos prazos de admisión para o próximo curso, ANPE quere dirixirse ás familias para lembrarlles que o ensino público constitúe unha opción educativa sólida, próxima e de confianza para o presente e o futuro dos seus fillos e fillas.

O ensino público é sinónimo de calidade educativa. Nas súas aulas trabállase cada día para ofrecer unha formación rigorosa, actualizada e adaptada ás necesidades do alumnado. Non se limita a transmitir coñecementos: acompaña a cada estudante no seu crecemento persoal, fomentando o pensamento crítico, a creatividade e a capacidade de esforzo, calidades que lles permitirán afrontar con éxito os retos da vida adulta.

A gratuidade do sistema público garante que todas as familias, con independencia da súa situación económica, poidan acceder a unha educación completa e con plenas garantías. Esta característica é unha expresión concreta do principio de igualdade de oportunidades.

ANPE fai fincapé na excelencia que define ao sistema público de ensino, sustentada no compromiso diario de miles de docentes. O profesorado accede á función pública mediante procesos baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, e mantén unha formación permanente ao longo da súa carreira que reforza a súa preparación e vocación. A profesionalidade dos docentes, a súa implicación e a súa proximidade son garantía dunha formación de calidade.

Ademais, o ensino público cumpre unha función esencial na cohesión social. Nas súas aulas conviven realidades diversas que enriquecen a experiencia educativa e preparan ao alumnado para vivir nunha sociedade plural, baseada no respecto, a convivencia e os valores democráticos.

Por todo iso, ANPE anima ás familias para coñecer de primeira man a oferta educativa dos centros públicos da súa contorna e a confiar nun modelo que combina calidade, gratuidade e profesionalidade. Elixir o ensino público é apostar por unha educación que abre oportunidades, fortalece valores e constrúe futuro.

O sindicato reitera o seu compromiso coa defensa e a mellora continua dun sistema público sólido e moderno, coa convicción de que investir en educación pública é investir no progreso e benestar de toda a sociedade.

 

                           Secretaría de comunicación. Santiago, 2 de marzo de 2026