O Defensor do Profesor é un servizo de atención inmediata e gratuíta para docentes vítimas de situación de conflitividade e violencia nas aulas, posto en marcha por ANPE en Galicia o 24 de
abril de 2006, como primeira medida de apoio ante a indefensión do profesorado e como chamada de atención sobre o problema da violencia escolar. É un servizo aberto a todo o profesorado sen distincións e operativo en todas as comunidades autónomas, para favorecer a atención personalizada a todos os docentes e que xa leva atendido, desde a posta en marcha do servizo a máis de 2.500 docentes na nosa Comunidade.
Nos datos que presentamos para Galicia, clasificamos as chamadas por sexo, por corpo e por tipoloxía, tentando neste último período de estudo axustar a súa definición algo mellor ao tipo de
intervención que requiriu cada unha delas; polo que presentamos a incidencia de chamadas divididas en:
- Administrativas: aquelas que se poden solucionar a través da intervención directa do profesorado afectado ou ben a través da propia organización sindical que se encarga de facilitarlle os trámites pertinentes.
- Psicolóxicas: aquelas nas que se necesita asesoramento psicolóxico por parte dun profesional.
- Xurídicas: aquelas que requiren a participación do asesor xurídico para a súa solución ou ben a realización de algún trámite de tipo xurídico.
Debemos indicar que nestes datos se recollen os correspondentes ás chamadas recibidas polo servizo autonómico do Defensor do Profesor e, polo tanto, non recollen as recibidas no servizo a nivel nacional pero, correspondentes a docentes galegos, neste caso figuran no informe nacional.
Por outra banda este ano elaboramos unha nova clasificación das casuísticas e motivos polos cales o profesorado se pon en contacto con servizo do Defensor do Profesor establecendo para iso tres categorías diferenciadas: problemas co alumnado, problemas cos pais e poblemas cos compañeiros e compañeiras.
No curso pasado 2023-2024, continuaron a producirse chamadas ao servizo do Defensor do Profesor centradas, case exclusivamente, en problemas relacionados coas novas tecnoloxías e, sobre todo, coas presións realizadas por pais e nais. Este mantemento de chamadas relacionadas con problemáticas relacionadas con pais e nais non fai máis que constatar a tendencia que xa viñamos observando nos últimos anos e debería ser, desde o noso punto de vista, un punto de inflexión e de reflexión para as Administracións Educativas que, en moitas ocasións, lonxe de solucionar os conflitos os manteñen ou mesmo os alimentan.
Asistimos con estupefacción en máis dun caso ao feito de que as presións exercidas polos pais e nais cara ao profesorado teñen unha correa de transmisión perfecta na propia Administración Educativa, que lonxe de por freo a estas actitudes poñen en dúbida a profesionalidade dun profesorado que debería ser defendido en todo caso e alimentan, ao mesmo tempo, o aumento deste tipo de problemática como indicabamos anteriormente. Este aspecto tamén é preocupante sobre todo se temos en conta que desde o noso servizo e desde ANPE entendemos que o sistema educativo debe contar non só coa colaboración da Administración Educativa e do profesorado senón tamén dos pais e nais como peza fundamental e como primeiros axentes socializadores e educadores dos rapaces e rapazas. É importante que todos os membros que formamos parte da comunidade educativa (docentes, administración, pais e nais, persoal de administración e servizos, etc) traballemos con cohesión, confianza e respecto mutuo para acadar un ensino público de calidade e unhas contornas educativas libres de violencias de calquera índole.
Cremos que unha actitude pouco exemplarizante por parte das familias ten a súa repercusión negativa e incide profundamente nos comportamentos disruptivos por parte do alumnado.
Mención aparte merece tamén o mal uso das novas tecnoloxías (móbiles, redes sociais, grupos de whatsapps) tanto por parte do alumnado como por parte do colectivo de pais e nais. Cremos que a cuestión non pasa tanto por prohibir como por educar. Somos conscientes de que existe unha grande falta de educación dixital, quizais froito da brecha dixital que separa ás novas xeracións das xeracións que temos a obriga de formalos e educalos. Esa falta de educación dixital está a provocar que os nosos rapaces e rapazas fagan un mal uso das tecnoloxías e se expoñan en moitas ocasións a perigos dos que nin eles mesmos son conscientes.
Por outra banda, tamén é salientable o aumento de casos de ansiedade e problemas de saúde mental en todo o profesorado en relación con cursos pasados, chamando especialmente a atención o aumento deste tipo de problemática no profesorado do corpo de mestres. O importante aumento de alumnado clasificado como alumnado con necesidades específicas e diagnosticados con algún tipo de trastorno, así como a insuficiente dotación de profesorado de apoio e especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación Educativa están producindo unha sobrecarga de traballo no resto do colectivo docente o cal repercute negativamente na súa saúde e benestar mental.
Desde ANPE Galicia consideramos básico e fundamental afrontar dun xeito profundo o problema da saúde mental no colectivo docente así como tamén no alumnado que se viu resentido neste senso tras a pandemia.
ANPE Galicia considera importantísimo, como ven recalcando desde sempre, o apoio e a colaboración entre familia e profesorado galego como ferramenta fundamental para mellorar o clima de convivencia nas nosas aulas.