• Noticia nova

PLuriArt - ciclos formativos plurilingües nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño


03 Xul, 2024

DOG Resolución do 24 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se establecen as bases para o desenvolvemento dos ciclos formativos plurilingües nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño (PluriArt) para o curso 2024/25.

>> Solicitudes: cada escola de arte e superior de deseño deberá enviar unha única solicitude segundo o anexo, asinada polo/a director/a, dirixida á directora xeral de Formación Profesional.

O prazo de presentación de solicitudes: 10 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

>> Enténdese por ciclo plurilingüe o ciclo formativo que cumpra o requisito de impartir en lingua estranxeira nun ou máis módulos profesionais, tanto no primeiro curso do ciclo como no segundo. Con carácter xeral, os módulos profesionais serán impartidos en alemán, francés, inglés ou portugués.

O número de módulos que se cursen en lingua estranxeira poderá ampliarse sen superar, en todo caso, un terzo do horario do alumnado en lingua estranxeira.

>> Requisitos das Escolas para poderen impartir os ciclos formativos plurilingües:

a) Comprometerse a desenvolver os ciclos formativos plurilingües cando menos durante dous anos, de tal xeito que o alumnado que se incorpore no primeiro curso poida completar os dous cursos do ciclo formativo.

b) Iniciar os ciclos formativos plurilingües no primeiro curso destes ciclos.

c) Dispor de profesorado cualificado para impartir os módulos en lingua estranxeira.

d) Participar e colaborar no desenvolvemento dos procesos de avaliación do alumnado e dos propios centros que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organice.

>> Requisitos do profesorado:

a) Ter atribución docente para impartir estes módulos.

b) Acreditar, cando menos, o nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) na lingua obxecto do programa.

O profesorado que participe neste programa de innovación educativa recibirá un certificado acreditativo ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 50 horas de formación do profesorado para aquel que imparta módulos en lingua estranxeira, e con independencia do número de módulos impartidos e do número de ciclos plurilingües.