Resumo da Mesa Sectorial dos concursos de méritos de asesorías, atención preferente e convenios


10 Xun, 2021

WEB - Resumo da Mesa Sectorial na que se trataron os concursos de méritos de dirección e asesorías dos CEFORE e CAFI, alumnado de atención preferente e prazas sometidas a convenio.

  Algunhas das nosas demandas recollidas no último punto do resumo arriba enlazado:

  • Comezar trasladando a queixa que nos transmiten desde varios tribunais en relación á videoreunión informativa que tivo lugar a semana pasada na que, segundo eles, non se aclararon dúbidas nin se puido entrar en cuestións e dúbidas específicas de cada especialidade. Unha reunión de máis de tres horas de duración con mala calidade de son e na que a Administración, sempre segundo a información trasladada polos tribunais, se limitou a ler a documentación que xa lles tiñan remitido. 
  • Neste mesmo sentido amosar o noso total rexeitamento ao proceder da Administración no tocante á organización dos procesos selectivos. A Consellería tivo todo un ano para facer as xestións administrativas de admitidos e excluídos, distribución de opositores, etc....... e sempre nos respostou cando trasladabamos as nosas inquedanzas nas Mesas Sectoriais que este ano a Administración ía con tempo suficiente. Estamos a menos de 10 días do comezo das probas e aínda están rematando de constituírse tribunais, a Administración non fixo públicos nin os lugares de exame, nin a distribución dos opositores por tribunais e nin sequera puido imprimir unha listaxe de aspirantes que superaron a proba de galego por especialidades o que retrasou a distribución por tribunais que se atopan co traballo de ter que atopar que aspirantes superaron a proba de galego na súa especialidade, traballo que tiña que ter feito a Administración. Como queda de manifesto, tan sobrados de tempo non íamos cando todo parece indicar que se están a facer as cousas coa precipitación de todos os anos coa diferenza de que este ano si debera haber tempo suficiente para ter abordadas todas estas cuestións.
  • Desde ANPE Galicia incidir na demanda  do mantemento para o vindeiro curso escolar 2021-2022 de todo o profesorado contratado adicionalmente o curso actual (que os nosos estudos cifran en preto de 2.600 docentes máis que o curso inmediatamente anterior)  tal e como lle solicitamos mediante un escrito conxunto das OOSS asinantes do Acordo de Interinos á Consellería de Educación.
  • En relación ao tema da vacinación do profesorado galego denunciamos a desorganización que se está a producir neste momento coa aplicación da segunda dose xa que hai docentes que superan as 16 semanas establecidas pola farmacéutica e aínda están agardando pola segunda dose ou casos de profesorado que está pendente de citar para a aplicación da dita segunda dose cando hai xente que recibiu a primeira dose con posterioridade  e xa foron citados.