Admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Música


18 Mai, 2021

DOGRESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Música para o curso 2021/22.

De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016 para o acceso aos estudos superiores de Música, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba, se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 17 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade e itinerario, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de maneira telemática cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.gal/eas/, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías dos conservatorios superiores de música de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías dos conservatorios.