Convocatoria do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 21/22


04 Mai, 2021

DOGORDE do 19 de abril de 2021 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso 2021/22 (código de procedemento ED516A).

Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incluídos nas seguintes epígrafes:

a) Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores:

1º. Centros incorporados nas convocatorias de 2005 a 2008 (Plambe 1-3), que poderán recibir asignacións para fondos, así como para mobiliario e outros equipamentos.

2º. Centros incorporados nas convocatorias de 2009 e 2019 (Plambe 4-15), que poderán recibir asignacións para fondos.

b) Os centros integrados na convocatoria de 2020 (Plambe 16), que poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

c) Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2021/22 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación, terán preferencia os centros situados en concellos rurais.

Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, entre o profesorado definitivo no centro, por un período mínimo de dous anos e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións que lle son propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na comisión de coordinación pedagóxica do centro.

Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinario, formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do programa, que se terá en conta na elaboración dos horarios do profesorado a comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as «gardas de biblioteca»

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo límite de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa, en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, recibirá unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación do profesorado.