WEB - ANPE e o resto de organizacións sindicais máis representativas do profesorado a nivel estatal solicitan urxentemente á convocatoria da Mesa de negociación do persoal docente non universitario.
A urxencia desta mesa é para negociar, canto antes, todos os aspectos recollidos na nova Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro (LOMLOE), pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, que entra en vigor o 19 de xaneiro, e que afectan directamente o profesorado.
Na última reunión da citada Mesa de negociación, celebrada o pasado 11 de novembro, o Ministerio comprometeuse, a pedimento desta parte, a reunirse para negociar todos estes aspectos “cando estivese máis avanzada a tramitación da reforma da Lei Orgánica”, tal e como a propia Acta de dita reunión recolle. A data de hoxe, a piques de cumprirse un mes desde a aprobación da Lei e no día en que entra en vigor, non recibimos comunicación algunha do Ministerio e, moito menos, convocatoria de reunión da Mesa de negociación.
Son varios os aspectos que recolle a nova Lei que afectan o profesorado e que requiren un diálogo e negociación que nos permita chegar a acordos para a súa concreción e aplicación en todo o Estado. Por iso esiximos que se establezan uns acordos que eviten desigualdades entre territorios e, por suposto, teñan en conta a todo o profesorado, preservando, en todo caso, os seus dereitos adquiridos. É por todo iso, polo que lle solicitamos a convocatoria urxente da Mesa de negociación do persoal docente non universitario para tratar estes temas e, fundamentalmente, os referidos na Disposición adicional sétima. Normativa sobre o desenvolvemento da profesión docente; na Disposición adicional undécima. Profesorado do Corpo para extinguir de Profesores Técnicos de Formación Profesional e na Disposición adicional cuadraxésima oitava sobre o cambio de funcións do persoal docente.