ANPE solicita por rexistro a ausencia do profesorado por confinamento dos fill@s dentro do deber inescusable


13 Nov, 2020

WEB - ANPE GALICIA SOLICITA POR ESCRITO A APLICACIÓN DO PERMISO DE CUMPRIMENTO DE DEBER INESCUSABLE REGULADO NA NORMATIVA PARA OS CASOS DO PROFESORADO QUE DEBA ATENDER AOS SEUS FILL@S CONFINAD@S POR CAUSA DA COVID-19

1.- O EBEP establece no seu artigo 48 j) un permiso "Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral". 

2.- Hai que ter en conta que se define como “deber inescusable de carácter público ou persoal “aquel cuxo cumprimento non pode eludirse, ou ben aquel cuxo incumprimento xere á persoa interesada unha responsabilidade de orde civil, penal ou administrativa, e sempre que o mesmo non poida realizarse fora do horario laboral; e que o Código Civil, no seu artigo 110, establece que “O pai e a nai, aínda que non ostenten a patria potestade, están obrigados a velar polos fillos menores e a prestarlles alimento.”

3.- Polo tanto, o coidado dun fillo menor confinado por motivo da COVID-19 é responsabilidade dos proxenitores ou titores e, de non levalo a cabo, poden incorrer en responsabilidade. Tamén é importante ter en conta que é obrigatorio cumprir a corentena imposta ao menor e que non é posible nin tería sentido delegar a atención de dito menor noutras persoas que non sexan convivintes, xa que isto iría en contra do obxectivo da corentena, que é impedir a propagación do virus.

4.- É imposible de entender como as diferentes Administracións, tanto autonómica como estatal, pretenden que se leven a cabo confinamentos de menores sen regular un permiso específico que permita aos proxenitores ou titores atender a estes menores.

5.- Por outra banda, a Dirección Xeral da Función Pública estatal recoñeceu, o 26 de marzo de 2013, en contestación a unha consulta que os coidados domiciliarios constituen un debes inescusable sempre que esté certificada dita necesidade.

 Polo tanto, solicitamos a aplicación do permiso de cumprimento de deber inescusable para o coidado de fillos/as menores confinados por motivo da COVID-19, algo que xa fixeron outras comunidades autónomas, como Cantabria, Canarias ou Asturias, para que os proxenitores poidan cumprir tanto cos seus deberes respecto aos seus fillos como co resto da sociedade, e evitar que persoas alleas aos seus fogares sexan quen deban prestar os coidados que os menores requiren.