3. Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional incluídos nas seguintes alíneas:
a) Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores:
1º. Centros incorporados nas convocatorias de 2005 a 2013 (Plambe 1-9), que recibirán asignacións para fondos.
2º. Centros incorporados nas convocatorias de 2014 a 2016 (Plambe 10-12), que poderán recibir asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos.
3º. Centros incorporados nas convocatorias de 2017 e 2018 (Plambe 13-14), que recibirán asignacións para fondos.
b) Os centros integrados na convocatoria de 2019 (Plambe 15), que poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.
c) Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2020/21 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación terán preferencia os centros situados en concellos rurais.
1. As solicitudes (modelo do anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
2. O prazo límite de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, recibirá unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación do profesorado por ano académico.
O horario de funcionamento da biblioteca deberá ser o máis amplo posible, segundo a dispoñibilidade horaria do profesorado; en calquera caso procurarase que estea aberta, e atendida pola persoa responsable ou por integrantes do equipo de apoio a totalidade do tempo lectivo. Para a súa apertura no horario extraescolar poderá contarse con persoal auxiliar, en colaboración con outras institucións como a asociación de nais e pais, o concello ou outras, baixo a indispensable coordinación, sempre, do responsable designado pola dirección; logo de acordo escrito e con coñecemento das autoridades educativas.
O funcionamento eficaz da biblioteca escolar supón unha axuda fundamental para o labor de todo o profesorado e é necesaria a colaboración de todos e todas para a súa existencia. Porén, resulta imprescindible a presenza dunha persoa responsable deste recurso do centro. O/a responsable da biblioteca escolar debe ser designado/a pola dirección, garantindo no posible a estabilidade e o bo funcionamento deste servizo
Estará formado por profesoras e profesores dos diferentes ciclos ou departamentos existentes no centro, que traballarán en coordinación co responsable da biblioteca para a consecución dos obxectivos previstos e a posta en marcha das actividades organizadas. A xefatura de estudos, aproveitando as marxes horarias do cadro de profesorado, preverá as necesidades da biblioteca escolar á hora de elaborar os horarios do profesorado, nos cales quedará recollida a súa participación neste servizo.