En materia de educación poderase proceder á apertura dos centros educativos para a súa desinfección, acondicionamento e para a realización de funcións administrativas.
O director dos centros educativos deberá adoptar as medidas necesarias para cumprir as medidas de hixiene e/ou prevención para o persoal traballador dos sectores de actividade establecidos nesta orde. Neste sentido, asegurarase que todos os traballadores teñan permanentemente á súa disposición no lugar de traballo xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade virucida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade para a limpeza de mans, ou cando isto non sexa posible, auga e xabón. Así mesmo, cando non poida garantirse a distancia de seguridade interpersoal de aproximadamente dous metros, asegurarase que os traballadores dispoñan de equipos de protección adecuados ao nivel de risco. Neste caso, todo o persoal deberá estar formado e informado sobre o correcto uso dos citados equipos de protección.
A disposición dos postos de traballo, a organización das quendas e o resto de condicións de traballo existentes nos centros, modificaranse, na medida necesaria, para garantir a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal mínima de dous metros entre os traballadores, sendo isto responsabilidade no seu caso, do director dos centros educativos ou da persoa en quen estes deleguen.
CAPÍTULO VI
Condicións para a reapertura dos centros educativos
Artigo 18. Reapertura dos centros educativos.
1. Poderá procederse á apertura dos centros educativos para a súa desinfección, acondicionamento e para a realización de funcións administrativas. Será responsabilidade dos directores dos centros educativos determinar o persoal docente e auxiliar necesario para levar a cabo as citadas tarefas.
2. Durante a realización das tarefas administrativas ás que se refire o apartado primeiro deberá garantirse unha distancia física de seguridade de dous metros.
Artigo 19. Medidas de hixiene e/ou de prevención nos centros educativos.
Para o desenvolvemento das actividades previstas no artigo anterior, os centros educativos deberán cumprir as seguintes medidas de hixiene e/ou prevención:
a) levará a cabo a limpeza e desinfección do centro nos termos previstos no artigo 6.
b) A organización da circulación de persoas e a distribución de espazos deberá modificarse, cando sexa necesario, co obxectivo de garantir a posibilidade de manter as distancias de seguridade interpersoal esixidas en cada momento polo Ministerio de Sanidade.
c) Limitarase ao máximo posible o emprego de documentos en papel e a súa circulación.
d) Os lugares de atención ao público dispoñerán de medidas de separación entre os traballadores do centro educativo e os usuarios.
e) Os centros educativos deberán prover aos seus traballadores do material de protección necesario para a realización das súas funcións.