A Consellería obriga aos docentes a presentar os partes de baixa e alta médicos por vía telemática


27 Abr, 2019

WEB - A Consellería vén de enviar un mail masivo a todo o profesorado informándo da obriga de presentar por vía telemática os OS PARTES DE BAIXA E ALTA MÉDICOS.

 ANPE demanda nun escrito (ENLACE ao ESCRITO) ante a Dirección Xeral que ademáis se manteña o actual procedemento, non só por as diversas casuísticas que poidan xurdir: enfermidades graves que  imposibiliten esta xestión persoalmente, depender de terceiras persoas que deban coñecer as contrasinais para acceder ao servizo ademais de que deben dispoñer de medios dixitais, coñecementos e acceso.

Lonxe de facilitar a inmediatez de comunicación á Administración, o que vai acarrear este novo procedemento único e obrigatorio, é unha demora na cobertura das substitucións. 

Dende ANPE pedimos que coma noutras xestións, a administración manteña igualmente os actuais procedementos de comunicación dos partes médicos de baixa e alta.

 

Correo enviado pola Consellería:

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon en marcha o novo procedemento para a comunicación dos partes de incapacidade temporal (IT) ás xefaturas territoriais así como no seu caso aos servizos centrais.

Deste xeito, desde o día 2 de maio de 2019 será obrigatoria a remisión dos partes de IT (baixa, confirmación e alta) ás xefaturas territoriais correspondentes ou a servizos centrais no caso do persoal que preste servizos nestes, exclusivamente a través da aplicación informática: https://www.edu.xunta.es/datospersoais

Accedendo á dita aplicación o/a traballador/a cubrirá os datos que alí se lle indican e anexará dixitalizado o parte de baixa, confirmación ou alta nos prazos que de seguido se indican:

  •     Parte médico de baixa por incapacidade temporal: no prazo de tres días contados a partir da data de expedición do parte.
  •     Parte médico de confirmación da baixa: no prazo de tres días contados a partir da data de expedición do parte.
  •     Parte médico de alta: no prazo das 24 horas seguintes a súa expedición.

Con este nova funcionalidade preténdese facilitar e axilizar a tramitación e comunicación dos partes médicos derivados das situacións de incapacidade temporal e polo tanto non se remitirá ningún orixinal destes partes ao centro educativo así como tampouco ás xefaturas territoriais nin aos servizos centrais.