1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
3. O código do procedemento para a tramitación destes premios é o TR802O.
O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:
a) Actividades artísticas, tales como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías ou vídeos, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.
b) Actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.
c) Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2019.