Novo permiso para a mellora da protección das persoas doantes en vivo


05 Mar, 2025

WEB - O 3 de marzo de 2025 entrou en vigor o novo permiso contemplado no artigo 48 do EBEP, introducido por Lei 6/2024, do 20 de decembro, para a mellora da protección das persoas doantes en vivo de órganos ou tecidos para o seu posterior transplante

A Lei 6/2024, do 20 de decembro, para a mellora da protección das persoas doantes en vivo de órganos ou tecidos para o seu posterior transplante, modificou o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, nos seguintes termos: 

Engádese unha nova letra m) no artigo 48, que terá a seguinte redacción: 

  • «Artigo 48. Permisos dos funcionarios públicos. Os funcionarios públicos terán os seguintes permisos: [.../...]  m) Polo tempo indispensable para a realización dos actos preparatorios da doazón de órganos ou tecidos sempre que deban ter lugar dentro da xornada de traballo.» Establecendo a súa entrada en vigor para o 3 de marzo de 2025.

O obxecto desta modificación é articular un permiso retribuído polo tempo indispensable para a asistencia ás sesións de información, para a realización dos preceptivos informes e exames clínicos, incluída a exploración médica, previos á determinación de idoneidade dos doantes vivos e dos seus órganos ou tecidos, así como para a prestación do consentimento, sempre que deba ter lugar dentro da xornada de traballo. 

Modifícase tamén texto refundido da Lei sobre Seguridade Social dos Funcionarios Civís do Estado, aprobado por Real Decreto Lexislativo 4/2000, do 23 de xuño, e o Real Decreto 375/2003, do 28 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral do Mutualismo Administrativo, eliminando o período mínimo esixido para cobrar a IT para as persoas doantes de órganos ou tecidos para transplante.