• Noticia destacada

Luces e sombras na aplicación do acordo de medidas de melloras


27 Set, 2024

WEB - As organizacións sindicais asinantes (ANPE, CCOO e FETE-UXT)  do ACORDO de medidas de MELLORA fan balance da sua aplicación neste curso 24-25 

Transcorridas dúas semanas dende o comezo das actividades lectivas do curso 2024/2025, as organizacións sindicais asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado galego, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, desexan facer balance da súa aplicación por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.

>>Dous efectos positivos:

a) O acordo puxo fin á “sangría” de supresións de aulas, sobre todo no rural, á que estabamos acostumados curso tras curso nas últimas décadas. Este curso é o primeiro en moitos anos no que se crean novas aulas de catálogo, en concreto 10, e, polo tanto, postos de traballo con carácter definitivo (un total de 21). Este curso, pola aplicación do acordo, evitouse o peche de ata 204 aulas, o que supón case 300 postos de traballo que non foron suprimidos.

b) O número de docentes en activo incrementouse significativamente con respecto ao último curso. En concreto, son 556 docentes máis no curso 2024/25 fronte ao anterior o que se sumaría aos postos de traballo que non foron suprimidos grazas á aplicación do Acordo. Hai que ter en conta que tanto a redución de supresións como o incremento de profesorado se producen nun contexto de crise demográfica, cunha redución de case 3000 alumnos no ensino público este curso fronte ao pasado. Aínda que esa diminución é moi similar á dos anos anteriores, no canto de traducirse no peche e eliminación de centos de aulas e postos de traballo, prodúcese o efecto contrario, polo que tales efectos positivos débense exclusivamente ao inicio da aplicación do Acordo.

>> Efectos negativos:

a) Unha inadecuada aplicación en apartados concretos do Acordo, como no caso das ratios nas aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas e tamén no cómputo dobre e triplo do alumnado que acredite discapacidade e dependencia ou trastornos graves de conduta, que a Consellería está a aplicar de forma progresiva, algo que non se recolle no Acordo asinado.

 

Para coñecermos de primeira man todas as disfuncións na súa aplicación, dende o comezo das actividades lectivas, o día 11 de setembro, as organizacións asinantes consultamos a totalidade de centros educativos da comunidade autónoma, coa intención de facer un estudo sobre o grao de aplicación do Acordo centro a centro, cuxos resultados e conclusións podes ler na ligazón da noticia. As cifras totais mostran que nun 82 % dos centros o Acordo estase a cumprir na totalidade das súas disposicións, polo que só sería nun 18 % de centros, 195 en total, das catro provincias, onde se rexistran incumprimentos dalgún artigo concreto.

 Dende as organizacións asinantes queremos agradecer a colaboración e boa disposición dos equipos directivos dos centros ao transmitirnos as cifras para facermos este estudo que, polo de agora, é o máis completo e rigoroso dos que se elaboraron sobre o cumprimento do Acordo de Medidas de Mellora.

Lamentamos, non obstante, a falta de colaboración por parte dos equipos directivos dunha mínima parte dos centros, en concreto 16 (dun total de 750 centros consultados), que non nos proporcionaron datos.

Na próxima semana, as organizacións asinantes temos previsto entregar á Valedora do Pobo o estudo detallado cos centros onde se rexistran disfuncións na aplicación do Acordo.

>> Da mesma forma, tal estudo xa está en mans dos SERVICIOS XURÍDICOS das tres organizacións para comezar canto antes coa vía xudicial co fin de asegurar O CUMPRIMENTO INTEGRO de todas as disposicións.

>> A Administración, para evitar a xudicialización do proceso, debería citarnos de forma inminente a unha reunión da comisión de seguimento do Acordo para acometer a corrección de tales disfuncións, que debería contar coa presenza da persoa asinante do Acordo por parte da Administración, o Presidente Rueda. Se tal xuntanza non se produce, non nos quedará máis remedio que acudir á vía xudicial para asegurar o cumprimento do asinado.

Agradecemos a todas as ANPAS e organizacións que están a reclamar que se cumpra ao xeito o acordo, sobre todo ás organizacións sindicais que non o asinaron e que incluso convocaron dúas folgas contra o seu asinamento. Rectificar é, sen dúbida, de sabios.