O acordo de melloras evita a supresión de aulas de infantil e primaria


03 Set, 2024

WEB O ACORDO SOBRE MEDIDAS QUE MELLORAN O FUNCIONAMENTO DO SISTEMA EDUCATIVO E AS CONDICIÓNS LABORAIS DO PROFESORADO GALEGO “FREA EN SECO” A ELIMINACIÓN DE AULAS DE INFANTIL E PRIMARIA

Tras a publicación, o día 21 de agosto de 2024, no Diario Oficial de Galicia da Orde do 2 de agosto pola que se modifican as unidades e postos de traballo docente para o curso 2024/25 dependentes da Consellería de Educación, as organizacións asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado galego, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, queremos deixar constancia de que, grazas ao seu asinamento, inverteuse a tendencia, que xa viña sendo habitual cada inicio de curso na última década, de peche de aulas nas etapas de infantil e primaria e destrución de postos de traballo, sobre todo no medio rural.

Desta forma, a diferenza entre aulas suprimidas e creadas no ensino público é positiva este curso por primeira vez en máis dunha década, xa que en total haberá dez aulas máis en toda Galicia (catro de educación infantil, cinco de educación primaria e unha de educación especial) e 21 postos de traballo definitivos máis ca o ano anterior e, polo tanto, de carácter estrutural. Este incremento do número de aulas estruturais e de postos de traballo de carácter definitivo rompe a tendencia de descenso dos últimos anos, xa que tan só nos últimos tres anos o peche de aulas chegara a un total de 239 unidades de infantil e primaria suprimidas e a unha destrución de 334 postos de traballo no mesmo período.

A inversión desta tendencia só se explica grazas ao asinamento do Acordo de Medidas de Mellora, pois o número de alumnado segue a reducirse na mesma proporción ano tras ano: 2747 alumnos e alumnas menos. Se evitou o peche de 204 aulas só este curso, cunha previsión de 900 aulas que non pecharán nos seguintes tres cursos por esta mesma razón.

DOGRESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto do Acordo entre esta consellería e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.