Xubilación por Incapacidade Permanente en funcionarios de clases pasivas


07 Xun, 2024

WEB - O Tribunal Supremo ven de establecer que na resolución de Xubilación por incapacidade permanente dos funcionarios de clases pasivas debe ser cualificada.

A Sentenza 920/2024, do 27 de maio de 2024, do Tribunal Supremo, establece que, na resolución de xubilación por incapacidade permanente dos funcionarios públicos suxeitos ao réxime de clases pasivas, procede a súa cualificación como incapacidade permanente total para as funcións propias do seu corpo, escala, praza ou carreira, ou como incapacidade absoluta para toda profesión ou oficio.

Para os funcionarios públicos suxeitos ao réxime de clases pasivas tanto a cualificación da incapacidade permanente como total ou absoluta, son causa de xubilación por incapacidade permanente. Pero da devandita cualificación derivan efectos relacionados coa contía da pensión, ou coa tributación do IRPF.

Se a incapacidade non inhabilita para toda profesión ou oficio, e no momento de producirse o feito causante, o interesado acredita menos de vinte anos de servizos, a contía da pensión de xubilación redúcese nun 5% por cada ano completo de servizo que lle falte ata cumprir os 20 anos de servizo, cun máximo do 25% para quen acredite 15 ou menos anos de servizos.

Doutra banda, a incapacidade permanente absoluta para toda profesión, traballo ou oficio leva consigo a exención no IRPF da pensión de xubilación.

Se a resolución non establece o grao de incapacidade, debe ser o propio funcionario o que probe a específica situación de incapacidade absoluta. Dadas as vantaxes xurídicas que pode xerar no interesado esta cualificación, nesta sentenza de interese casacional, remárcase a necesidade de que a resolución de xubilación exprese o grao de incapacidade permanente.