Aprobados os 4 RD de FP no Consello de Ministros


22 Mai, 2024

WEB - O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, aprobou este martes catro reais decretos cos que conclúe o desenvolvemento normativo da Lei de Formación Profesional aprobada hai dous anos.

Á espera da publicación no BOE.

Coa aprobación destes decretos conclúe a implantación do sistema dual tanto nos ciclos formativos de Grao Medio como de Grao Superior.

Os decretos aprobados inclúen así mesmo a incorporación de diversos módulos vinculados á dixitalización, a sustentabilidade, o emprendemento ou o inglés técnico. Todos os seus contidos xa están recollidos no Real Decreto de Ordenación do Sistema de Formación Profesional publicado hai case un ano.

 A partir do próximo mes de setembro, toda a Formación Profesional será dual no primeiro curso dos ciclos formativos de Grao Medio e de Grao Superior, así como nos másteres de FP que contemplen prácticas. Os alumnos formaranse no centro e na empresa desde o primeiro ano de formación, eliminando así de forma gradual e ata a súa desaparición no curso 2025-2026, o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo (FCT) que vén desenvolvendo nunha empresa durante o último trimestre do segundo ano.

A nova Formación Profesional incorpora o carácter dual da formación en dúas intensidades, xeral e intensiva, en función do tempo no que o alumno se forme na empresa e dos resultados de aprendizaxe asumidos pola mesma. Desde principios de 2024, os alumnos en prácticas están a cotizar á Seguridade Social durante o tempo de formación na empresa, un custo que non repercutirá nas empresas.

Doutra banda, no próximo curso, todos os ciclos de Grao Medio e Grao Superior contarán no seu parte troncal, con novos módulos adaptados a cada oferta formativa e vinculados a aspectos esenciais da economía actual. Os seus respectivos currículos se recollen no Real Decreto de Ordenación do sistema.

Trátase do módulo de Dixitalización aplicada ao sistema produtivo, o módulo de Sustentabilidade adaptada ao sistema produtivo, o de inglés técnico e o de Itinerario persoal para a empregabilidade I e II. Este último, que vén substituír aos actuais módulos de Formación e Orientación Laboral (FOL) e o de Empresa e Iniciativa Emprendedora (EIE), recolle aspectos relativos ás habilidades sociais, ao emprendemento, a dereitos laborais ou as chamadas “habilidades para a empregabilidade” como a xestión do tempo, a creatividade ou a capacidade de adaptación, cada vez tidas máis en conta nos procesos de selección de persoal das empresas.

Ademais, o sistema contempla por primeira vez, as materias optativas na Formación Profesional e inclúe o Proxecto Intermodular tanto en Grao Básico, como no medio e en Superior. Nel, o equipo docente expón un traballo por retos na aula que simula unha situación real do sistema produtivo ao que está vinculada a formación.