ORDE do 8 de setembro de 2021 polo que se regula a ATENCIÓN á DIVERSIDADE


26 Out, 2021

DOGORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Todas as medidas de atención á diversidade deberán estar presididas polo que represente un maior beneficio para cada alumna e cada alumno, polo seu interese superior, como se establece no artigo 3.1 da Convención sobre os dereitos do neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, esta orde trata de contribuír, en colaboración coas familias e co conxunto da sociedade, a facer efectiva a equidade, a facilitar o éxito escolar da totalidade do alumnado e a promover a formación, a cualificación e a aprendizaxe ao longo da vida. E para iso enténdese necesario facer realidade a prevención, a flexibilidade, a compensación, a coordinación, a colaboración, o control, a comunicación, o seguimento e a avaliación. Pero tamén é preciso entender o currículo nun sentido amplo, véndoo como todo o que un centro docente pon ao dispor do alumnado para que aprenda; non só limitalo aos obxectivos, ás competencias, aos contidos, aos métodos pedagóxicos, aos criterios de avaliación e, de ser o caso, aos resultados de aprendizaxe, sendo iso necesario.

A orde estrutúrase en oito capítulos.

Establécese unha disposición adicional sobre a protección de datos de carácter persoal, unha disposición derrogatoria que derroga cinco ordes e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde:

1. Derrógase a Orde do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

2. Derrógase a Orde do 31 de outubro de 1996 pola que se regula a avaliación psicopedagóxica dos alumnos e das alumnas con necesidades educativas especiais que cursan as ensinanzas de réxime xeral, e se establece o procedemento e os criterios para a realización do ditame de escolarización.

3. Derrógase a Orde do 28 de outubro de 1996 pola que se regulan as condicións e o procedemento para flexibilizar a duración do período de escolarización obrigatoria do alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual.

4. Derrógase a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e os criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais.

5. Derrógase a Orde do 20 de febreiro de 2004 pola que se establecen as medidas de atención específica ao alumnado procedente do estranxeiro.

6. Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.