Galicia - novas medidas como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus


31 Mar, 2020

DOGRESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 30 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

() A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), como organismo dependente da Administración autonómica, ten encomendados, entre outras funcións, o mantemento e soporte tecnolóxico das plataformas, sistemas e telecomunicacións da Xunta de Galicia, así como dos seus organismos e entidades dependentes, polo que está obrigada a garantir os medios técnicos e humanos para o desenvolvemento desta función.

Considerando o contexto actual de restrición da mobilidade en que, en atención a criterios e recomendacións das autoridades sanitarias, a Administración procedeu á habilitación de medidas de prestación de servizos en réxime de teletraballo por parte dos empregados públicos, resulta esencial continuar coa tramitación daqueles expedientes destinados a garantir o correcto funcionamento dos servizos corporativos, así como os vinculados á administración electrónica, sen que poida pretenderse a paralización das contratacións relacionadas cos aspectos indicados so pena de vulnerar os principios de eficacia e eficiencia a que debe orientar a súa actuación a Administración na xestión dos servizos públicos, ademais de que poderían quedar sen efecto as medidas organizativas adoptadas para facer fronte á evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Do mesmo xeito e con base nos mesmos principios, resulta esencial continuar coa tramitación daqueles expedientes destinados a garantir a correcta prestación de servizos públicos á cidadanía, tanto durante a vixencia do estado de alarma actual como no momento inmediatamente posterior ao seu levantamento (entre outros, os destinados a garantir a dotación a alumnado e profesorado de equipamentos e contidos educativos para o vindeiro curso lectivo ou plataformas que precisan estar operativas ao finalizar do estado de alarma), coa finalizade de minimizar, na medida do posible, o impacto da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 na esfera da cidadanía, xa que non resultaría admisible a paralización de servizos públicos.