Concurso de traslados específico para o corpo de mestres na xefatura do departamento de ORIENTACIÓN


21 Out, 2019

DOGORDE do 9 de outubro de 2019 pola que se convoca concurso de traslados específico entre persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do departamento de orientación nos colexios públicos de educación infantil e primaria, de educación primaria e de educación especial dependentes desta consellería.

Considérase criterio preferente estar en posesión dunha das seguintes titulacións: doutoramento ou licenciatura en Psicopedagoxía, doutoramento, licenciatura ou grao en Pedagoxía ou en Psicoloxía, doutoramento ou licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación (especialidade de Psicoloxía ou Ciencias da Educación) ou en Filosofía e Letras (especialidade de Pedagoxía ou Psicoloxía)

Será requisito imprescindible posuír o certificado de lingua galega 4 (Celga 4), ou ter superado o curso de perfeccionamento de lingua galega, ou ter a validación correspondente ou telo superado a través de proba libre ou posuír o nivel avanzado da Escola Oficial de Idiomas. Para estes únicos efectos, entenderase que reúnen este requisito as persoas que superasen a proba de coñecemento da lingua galega no procedemento selectivo de acceso ao corpo de mestres.

A solicitude cubrirase a través da internet, empregando o portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no enderezo: www.edu.xunta.es/cxt

Ao acceder á aplicación informática do concurso, o persoal que non incorporou os datos persoais encontrarase con todos os datos que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten informatizados do seu expediente persoal, verá cales deles son considerados para os efectos de concurso e cales non, e a puntuación que lle corresponde por cada subepígrafe do baremo en función dos datos que constan no expediente, agás nas epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo I desta convocatoria.

De estar o expediente incompleto, o persoal concursante interesado completarao na base de datos, e imprimirá a solicitude e a folla de alegacións que xera a propia aplicación informática e, xunto coa documentación xustificativa a que se fai referencia no anexo I, entregaraas conforme as normas recollidas na base sexta.

 En todo caso, o persoal participante no concurso que alegue méritos nas epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo I imprimirá a folla correspondente a estes méritos da aplicación informática e xunto cos documentos xustificativos, remitiraa, dentro do prazo establecido na base común sétima, á comisión avaliadora sita na Inspección Educativa de Santiago de Compostela, rúa da Vesada, San Lázaro 107, código postal 15703.

A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. 

 Todas as copias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa, expedidas polas direccións dos centros, do Rexistro Xeral ou das xefaturas territoriais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Non se admitirá ningunha copia que careza da dilixencia de compulsa.

O prazo de presentación de solicitudes e documentos será de 15 días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas.Todos os requisitos que se exixen nesta convocatoria e os méritos que alegue o persoal participante teranse cumpridos ou recoñecidos na data de terminación do prazo de presentación de solicitudes, agás o requisito de dous anos de permanencia no destino definitivo desde o que se solicita, que se contabilizarán en 31 de agosto do 2020.

O persoal concursante poderá presentar reclamacións á resolución provisional, a través do órgano no que presentaron a súa solicitude de participación, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación na páxina web da consellería.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web desta consellería (www.edu.xunta.gal).

Contra esta resolución o persoal interesado poderá interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.