Catálogo de unidades e postos de traballo dos centros de primaria, infantil e educación especial


29 Xul, 2019

DOGORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.

1. Modificar as unidades e os postos de traballo docentes dos seguintes centros educativos:

– Escolas infantís (EEI), colexios de educación primaria (CEP), colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e centros públicos integrados (CPI) que se relacionan no anexo I desta orde.

– Centros de educación especial (CEE) que se sinalan no anexo II.

2. Modificación de colexios rurais agrupados

* O colexio rural agrupado (CRA) Novo Mencer, do Concello de Coristanco, e o CRA de Santa Comba, fusiónanse nun único CRA con código de centro 15033098, con sede na rúa Esfarrapa, 52, Coristanco, e a composición resultante que se detalla no anexo III.

 * Integrar no CRA de Santa Comba a EEI de Lañas, do Concello da Baña.

 * Suprimir o CRA Os Remuíños, do Concello de Cabana de Bergantiños, e integrar a EEI de Neaño, pertencente ao mesmo concello, no CRA Nosa Señora do Faro, do Concello de Ponteceso.

 Modificar as unidades e postos de traballo docentes dos CRA relacionados no anexo III.

3. Suprimir os centros docentes que se relacionan no anexo IV desta orde.

1. Aos centros que como consecuencia das modificacións que se sinalan no artigo primeiro incrementen o número de postos de traballo, aplicaráselles o establecido na Orde do 30 de marzo de 1992, pola que se regula a mobilidade das funcionarias e dos funcionarios pertencentes ao corpo de mestras/es nos propios centros por incremento de postos de traballo.

Estes novos postos poderanse solicitar polo profesorado con destino definitivo no centro que conte coa oportuna habilitación e accedese a este por concursos anteriores ao convocado no curso 1990/1991, sempre que non acadase novo posto de traballo nel como consecuencia doutros procesos de adscrición ou de mobilidade no propio centro. Non obstante, poderaos solicitar o profesorado que, estando en posesión da correspondente habilitación, estea adscrito a postos de traballo que se vexan afectados por diminución nun número máximo igual á redución de postos.

2. Así mesmo, aplicarase o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

3. Os procesos de mobilidade regulados na Orde do 30 de marzo de 1992 que se produzan como consecuencia desta orde desenvolveranse durante o mes de setembro de 2019 e terán efectos do día 1º do mesmo mes.