Nova regulación dos Permisos por nacemento, lactación e do outro proxenitor


30 Mar, 2019

WEBO artigo 3 do Real decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación modifica, entre outros, o apartado f) do artigo 48 e os apartados a), b), c) e d) do artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro. Esta norma é de aplicación directa na Comunidade Autónoma mediante:

INSTRUCCIÓNS NOVA REGULACIÓN DO PERMISO DE PATERNIDADE

Como consecuencia, o permiso de lactación recollido no artigo 7 da Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula o réxime de permisos, licenzas e vacacións do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, debe outorgarse conforme ao establecido no apartado dous do artigo 7 do Real decreto-lei 6/2019. A modificación máis importante é que os dous cónxuxes teñen dereito ao permiso por lactación, e que o permiso constitúe un dereito individual do persoal funcionario, sen que poida transferirse o seu exercicio ao outro proxenitor, adoptante, gardador ou acolledor.

A substitución do tempo de lactación por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo correspondente unicamente se poderá realizar a partir do remate do permiso por nacemento, adopción, garda, acollemento ou do proxenitor diferente da nai biolóxica respectivo ou unha vez que, desde o nacemento do menor, transcorrera un tempo equivalente ao que comprenden os citados permisos.

A modificación máis substancial do antigo permiso por parto, agora permiso por nacemento para a nai biolóxica, é que a nai non poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do descanso posterior ao parto. O outro proxenitor terá agora un permiso coa mesma duración que a nai biolóxica, sen prexuízo do período transitorio dos anos 2019 e 2020. 

No caso de que ambos proxenitores traballen, transcorridas as seis primeiras semanas de descanso obrigatorio, o período de goce poderá levarse a cabo de maneira interrompida e exercitarse desde o remate do descanso obrigatorio posterior ao parto ata que o fillo ou a filla cumpra doce meses. Neste caso, requirirase para cada período de goce, un preaviso de polo menos 15 días e realizarase por semanas completas.

O permiso do outro proxenitor concrétase no ano 2019 nunha duración de oito semanas, das cales as dúas primeiras serán ininterrompidas e inmediatamente posteriores á data do nacemento As seis semanas restantes poderán ser de goce interrompido; xa sexa con posterioridade ás seis semanas inmediatas posteriores ao período de descanso obrigatorio da nai, ou ben con posterioridade ao remate dos permisos da nai biolóxica ou do permiso por adopción.

Sen prexuízo do anterior, a duración dos permisos retribuídos por nacemento da nai biolóxica e por adopción, por garda con fins de adopción, ou acollemento, tanto temporal como permanente, seguirá sendo de vinte e dúas semanas