Requisitos.
3.1. Os proxectos e as actividades que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e realizar de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo).
3.2. Quedan excluídos das axudas reguladas nesta orde aqueles centros que non xustificasen as axudas recibidas ao abeiro da Orde do 16 de novembro de 2017 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2017/18 (ED101C) (DOG do 28 de novembro de 2017).
3.3. Para cumprir coa obriga da axeitada publicidade que impón o artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros que reciban axudas para elaborar os proxectos de fomento do uso do galego ao abeiro desta convocatoria están obrigados a integrar o logotipo oficial dos equipos de dinamización da lingua galega tanto nos seus espazos web como nos documentos que difundan as actividades destes equipos. Para poder facelo, a coordinación territorial dos equipos de dinamización da lingua galega remitiralles aos centros o correspondente arquivo. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima do equipo de dinamización da lingua galega, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.
1. Os centros de ensino público de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde.
2. As solicitudes, debidamente asinadas polo director ou directora do centro como representante legal deste, dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura e Turismo da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo PL500A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.