INSTRUCCIÓNS E DIVERSOS ASPECTOS RELACIONADOS
Presentación de solicitudes
As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e poderán presentarse:
a) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
b) Nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.
c) Na secretaría do centro educativo en que presta servizos o persoal concursante.
d) En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sen prexuízo do anterior, deberá terse en conta que para outros efectos distintos do concurso de traslados, as secretarías dos centros docentes non son unha das oficinas en que se poden presentar documentos dirixidos a calquera organismo público.
O prazo de presentación de solicitudes e documentos será desde o día 6 de novembro de 2018 ao 27 de novembro de 2018, ambos os dous incluídos. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas.
As peticións poderán facerse a centro concreto ou a localidade, sendo compatibles ambas as dúas modalidades.
Nas peticións formuladas á localidade non están incluídos os centros rurais agrupados. Para o suposto de que se desexe á adxudicación nos colexios rurais agrupados deberán solicitarse preceptivamente por código de centro.
O número de peticións que cada participante pode incluír na súa solicitude non poderá exceder os 300.
Para a avaliación dos méritos alegados polas persoas concursantes, no que se refire aos puntos 6.1 e 6.3 do anexo XVI e 4.1 do anexo XVII da presente orde enviarán a documentación a Inspección educativa de Santiago de Compostela, sita na rúa Besada, San Lázaro 107, código postal 15703.
O persoal concursante poderá presentar reclamacións ás resolucións provisionais, a través do órgano en que presentaron a súa solicitude de participación, no prazo de dez hábiles contado desde o día seguinte á publicación da adxudicación de destinos provisionais na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal/)
Consideradas as reclamacións e renuncias a que se refire a base anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a ditar as resolucións definitivas destes concursos de traslados. A citada resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web desta consellería (www.edu.xunta.gal/). As prazas adxudicadas na citada resolución son irrenunciables, polo que as persoas participantes se deberán incorporar ás prazas obtidas. Non obstante, cando se participe simultaneamente por distintos corpos docentes e se obteña destino en máis dun, deberase optar por un deles no prazo de dez días hábiles seguintes á publicación da resolución definitiva mediante escrito dirixido á Administración educativa a que pertenza a praza a que o concursante non se vai incorporar. De non se realizar a devandita opción, deberase tomar posesión na praza obtida correspondente ao corpo desde o que se participou en situación de servizo activo. As prazas a que non se opte terán a consideración de vacantes desertas e cubriranse regulamentariamente na forma que determine a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.