CADP - Publicación no DOG da adxudicación definitiva dos corpos de SECUNDARIA


02 Out, 2018

DOGRESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se procede á adxudicación definitiva dos destinos provisionais para o curso académico 2018/19 entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

Primeiro. Adxudicar definitivamente os destinos provisionais obtidos para o curso 2018/19 que figuran no anexo desta resolución, ao profesorado referido anteriormente.

Esta resolución farase pública no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.gal, e no Diario Oficial de Galicia. Coa publicación da adxudicación definitiva na páxina web enténdese publicada a relación de persoal docente que participa no concurso de adxudicación definitiva. Esta adxudicación definitiva terá efectividade do día seguinte ao da súa publicación no enderezo da internet www.edu.xunta.gal, sen prexuízo de que a toma de posesión se efectuará conforme o disposto no artigo 41 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais.

Segundo. De conformidade co disposto no citado artigo 41 da Orde do 7 de xuño de 2018, o persoal adxudicatario tomará posesión no centro educativo de destino e incorporarase con efectividade económica e administrativa da data fixada para o inicio da impartición efectiva das clases, o 17 de setembro de 2018, agás no suposto de que o nomeamento ou toma de posesión se efectúe con posterioridade. Nos supostos de especialidades das cales se imparte docencia en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas, a toma de posesión non poderá supor interrupción na prestación de servizos para o profesorado interino con nomeamento en vigor sempre que sexa nomeado desde o inicio do curso 2018/19.

Non obstante o anterior, no caso das comisións de servizo, os efectos serán do día 17 de setembro de 2018, sen prexuízo de que as comisións de servizo do profesorado que proceda de fóra da Comunidade Autónoma e do procedente do estranxeiro teñan efectividade do 1 de setembro de 2018.

Para o persoal en prácticas e para o persoal interino sen nomeamento en vigor, os efectos económicos e administrativos serán do día 17 de setembro de 2018.

Terceiro. Os nomeamentos serán remitidos ao seu enderezo de correo electrónico.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente, de conformidade coa Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.