Prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas


19 Xun, 2018

DOG - RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xullo de 2014 (DOG do 23 de xullo), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa en conservatorios profesionais de música. En concreto, autorizáronse seccións bilingües no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Así mesmo, mediante a Orde do 7 de xullo de 2016 (DOG do 20 de xullo) autorizouse, con carácter experimental, a posta en marcha da sección bilingüe de lingua inglesa na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

O artigo 9 das devanditas ordes establece que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos máis, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Prorrogar, por un período de dous anos, as seccións bilingües no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, coa finalidade de favorecer a práctica da lingua inglesa entre o alumnado dos ditos centros.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.