Fondo solidario de libros de texto e convocatoria de axudas para adquirir libros de texto e material escolar


21 Mai, 2018

DOG - ORDE do 9 de maio de 2018 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2018/19.

A presente orde integra as diversas modalidades de gratuidade solidaria dos libros de texto dos niveis obrigatorios de ensino: participación no fondo solidario de libros de texto en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria; axudas para adquirir libros de texto en 1º e 2º de educación primaria e en educación especial; e axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2018 (este incluído).