Concurso de méritos para postos de escolarización ao alumnado de atención preferente


20 Abr, 2018

 

DOG - ORDE do 4 de abril de 2018 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización ao alumnado de atención preferente.

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres que se atope en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2017/18 e que posúa a especialidade e, de ser o caso, o requisito específico que se requira para cada praza, así como o título de perfeccionamento en lingua galega ou do certificado de lingua galega (Celga 4) ou certificación ou validación equivalente.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes cubriranse empregando o modelo que figura como anexo I e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera os medios que establece o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No suposto de optar pola presentación da solicitude e demais documentación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto.

O persoal concursante presentará unha única solicitude en que poderá consignar ata un máximo de dez prazas e achegará debidamente compulsada a documentación xustificativa dos requisitos exixidos para a praza/s solicitada/s e a documentación xustificativa dos méritos que alegue segundo o baremo que figura como anexo II.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos dos méritos alegados que xa figuren no seu expediente persoal na aplicación informática www.edu.xunta.es/datospersoais

No caso de que o persoal participante posúa méritos que non consten no seu expediente ou que sexan incorrectos, deberá xerar unha nova instancia na aplicación www.edu.xunta.es/datospersoais que deberá presentar xunto coa solicitude de participación e unha copia compulsada dos méritos alegados.