Artigo 6. Duración
1. As persoas adultas poderán permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise para o logro dos obxectivos establecidos.
2. O nivel I das ensinanzas iniciais poderá cursarse unicamente na modalidade presencial. O nivel II poderá cursarse tamén na modalidade a distancia.
3. As ensinanzas do nivel I cursaranse a razón de doce períodos lectivos semanais e as de nivel II de dezaseis períodos lectivos semanais.
4. O nivel II das ensinanzas iniciais organízase en catro módulos distribuídos trimestralmente.
Artigo 7. Organización
1. O currículo da segunda etapa da educación básica para persoas adultas, conducente á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, estrutúrase en dous niveis, I e II, organizados de forma modular en tres ámbitos de coñecemento, e secuenciados de forma progresiva e integrada. Cada ámbito consta de catro módulos de contidos de carácter interdisciplinar.
2. Os ámbitos de coñecemento a que se refire o punto anterior son os seguintes:
a) Ámbito científico-tecnolóxico, en que se integrarán elementos do currículo de educación secundaria obrigatoria relacionados coas materias de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Tecnoloxía, Tecnoloxías da Información e da Comunicación e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural da materia de Educación Física.
b) Ámbito de comunicación, en que se integrarán elementos do currículo de educación secundaria obrigatoria relacionados coas materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira.
c) Ámbito social, en que se integrarán elementos do currículo de educación secundaria obrigatoria relacionados coas materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e os aspectos preceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e Música.
Artigo 8. Duración e currículo
1. Con carácter xeral, as ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas adultas cursaranse en dous anos académicos. Na modalidade presencial, o total de períodos lectivos destas ensinanzas non poderá ser, en ningún caso, inferior a 1350.
2. Non obstante, considerando que as persoas adultas posúen coñecementos construídos nas súas experiencias persoais e académicas e que un proceso educativo axeitado debe respectar o estilo e o ritmo de aprendizaxe de cadaquén, a duración do proceso educativo das persoas adultas poderá flexibilizarse, segundo se establece nesta orde.
CAPÍTULO V: Distribución horaria
CAPÍTULO VI: Profesorado
CAPÍTULO VII: Avaliación