INSTRUCIÓNS sobre o uso fraccionado da situación de excedencia voluntaria por coidado de familiares


16 Mar, 2018

INSTRUCIÓNS sobre o uso fraccionado da situación de excedencia voluntaria por coidado de familiares

O artigo 176 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece:

“1. O persoal funcionario de carreira ten dereito a un período de excedencia por coidado de familiares de duración non superior a tres anos, sen que sexa exixible o requisito de ter prestado un tempo mínimo de servizos previos, nos seguintes casos:

a) Para atender ao coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, contando desde a data de nacemento ou, de ser o caso, da efectividade da resolución xudicial ou administrativa.

b) Para atender ao coidado dun familiar que se atope ao seu cargo, ata o segundo grao inclusive de consanguinidade ou afinidade, cando, por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

2. Pódese facer uso de forma fraccionada do período da excedencia regulada neste artigo.

(...)

8. O persoal funcionario interino ten dereito á excedencia regulada neste artigo, ben que a reserva do posto de traballo se manterá unicamente mentres non concorra ningunha das causas de cesamento previstas para esta clase de persoal nesta lei”.

Co obxecto de clarexar os supostos de uso fraccionado desta situación, conxugando o dereito do persoal funcionario docente ao seu uso co dereito fundamental á educación consagrado na Constitución española, e no uso das facultades que lle atribúe o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emite as seguintes

INSTRUCIÓNS

1. A excedencia voluntaria por coidado de familiares regulada no artigo 176 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, poderá usarse de forma fraccionada, sempre dentro do prazo máximo establecido no citado artigo, sen prexuízo do que establece o seu apartado 8 no que se refire ao persoal funcionario interino e ao persoal laboral docente de carácter temporal.

O uso fraccionado da excedencia voluntaria por coidado de familiares poderá realizarse en períodos mínimos de 1 mes, debendo transcorrer a lo menos 1 mes desde o reingreso do anterior período ata o inicio do seguinte.

Nos supostos de uso fraccionado desta excedencia, só se autorizarán o segundo e sucesivos reingresos ao servizo activo que foran solicitados con efectividade de data non posterior ao 15 de maio do ano que corresponda ou, de ser este non lectivo, de data non posterior ao primeiro día lectivo seguinte ao 15 de maio.

En calquera caso, non se autorizará o reingreso ao servizo activo procedente da situación de excedencia por coidado de familiares nos días e nos períodos non lectivos do correspondente curso escolar, segundo o calendario escolar establecido, agás nos supostos en que a extinción do feito causante ou o remate do período máximo establecido se produza en período non lectivo.

2. Estas instrucións seranlle de aplicación ao persoal funcionario dos corpos docentes e ao persoal laboral docente que presta servizos en centros públicos do ámbito de xestión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

 

180315_instrfracexc