ANPE califica de insuficiente o acordo firmado na Mesa Xeral e esixe a inmediata equiparación salarial dos docentes


12 Mar, 2018

Para ANPE, o Acordo asinado o pasado 9 de marzo polos sindicatos CSIF, UXT e CCOO co Ministerio de Facenda e Función Pública, é insuficiente pois esquécese do profesorado en moitas das súas medidas e non recolle as cuestións máis demandadas polo colectivo e que ANPE leva anos reclamando.

Este Acordo, no que a retribucións e recuperación salarial se refire, contempla unha subida segura en tres anos de pouco máis do 6% moi lonxe do 20% da perda de poder adquisitivo acumulada polos docentes desde 2010 e denunciada por ANPE. Queremos lembrar que o forte recorte salarial sufrido polos empregados públicos en 2010 foi moito maior nos grupos funcionariales nos que se encadra o profesorado, sendo naquel momento o recorte salarial na maioría dos corpos docentes do 7%, mentres que para outros colectivos de empregados públicos foi inferior ao 1%. Agora os sindicatos asinantes do Acordo non usan a mesma fórmula para recuperar o perdido, véndonos de novo discriminados. Tampouco incluíron a demanda de ANPE de establecer unha cláusula de revisión salarial en función do IPC para evitar que aumente a perda de poder adquisitivo no futuro.

No resto de medidas, volvéronse a esquecer do profesorado, así vemos que:

  • En canto a horarios ábrese a posibilidade de reducir a xornada do resto de empregados públicos de 37,5 horas a 35 horas semanais, o que deixa á competencia de cada Administración, esquecéndose da redución do horario lectivo do profesorado, que só se poderá levar a cabo se se derroga o RD-Lei 14/2012 por parte do Goberno nacional, ao que o Acordo non alude en ningún momento e que é independente do horario do resto de funcionarios.
  • Tampouco se elimina a taxa de reposición nos corpos docentes para o próximos tres anos, o que impedirá o aumento das plantillas, necesario para reverter os recortes sufridos nas mesmas. Soamente permitirase un incremento mínimo por encima da cobertura de xubilacións nalgunhas CCAA.

Doutra banda, este Acordo tampouco fai mención á equiparación salarial do profesorado nas distintas Comunidades Autonómicas. Desde ANPE queremos volver denunciar que os corpos docentes son os únicos corpos funcionariales de carácter estatal, é dicir, o seu ingreso, acceso e mobilidade por todo o Estado está regulado a nivel nacional e é idéntico en todas as Comunidades Autónomas, pero, á súa vez, están transferidos ás CCAA e as súas retribucións son abonadas polas mesmas. Así, nos últimos anos, a brecha salarial foi aumentando progresivamente, chegando a ser, nalgúns casos, de máis de 6.000 euros anuais por realizar as mesmas funcións e accedendo cos mesmos requisitos e condicións, simplemente dependendo da Comunidade Autónoma na que se estea traballando.

Ao anterior hai que engadir que algunhas CCAA teñen unha carreira profesional retribuída, mentres outras non incentivan a formación nin participar nos proxectos dos centros. Outras teñen complementos por formación permanente, titoría, coordinación de nivel ou ciclo, xefatura de departamento, residencia, perigo, formación, mestres en IES, entre outros, que son retribuídos ou non en función da CCAA onde se traballa, ou ben hai importantes diferenzas salariais. Do mesmo xeito que hai tamén complementos por exercer cargos directivos nos nosos centros educativos que son retribuídos de maneira desigual segundo a autonomía na que se exerza, aínda que os centros educativos sexan de idénticas características.

Esta brecha salarial e trato desigual chega tamén ao profesorado interino. Nalgunhas CCAA cobran os mesmos complementos que os funcionarios de carreira, como os sexenios, e noutras non. Do mesmo xeito que nunhas CCAA abónanlles os meses de verán e noutras, co mesmo tempo de servizo, non o fan.

Para ANPE, unha vez que o Acordo asinado na Mesa Xeral impedirá no próximos tres anos recuperar o 20% de poder adquisitivo perdido polo profesorado, é o momento de abordar a equiparación salarial docente de maneira inmediata, establecéndose unhas estruturas salariais comúns, equiparando as retribucións básicas e complementarias ás das CCAA con mellores salarios e acabar así coa desigualdade existente actualmente nos corpos docentes en función da autonomía onde se estea traballando. Para iso, desde ANPE levaremos a cabo distintas iniciativas e campañas en todo o Estado para que esta xusta reivindicación chegue a ser unha realidade.