• Noticia destacada

Comisións de servizo por conciliación da vida familiar e laboral


08 Mar, 2018

ORDE do 23 de febreiro de 2018 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral 

Poderá solicitar esta adscrición o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal nomeado funcionario en prácticas, o persoal que superou o procedemento selectivo correspondente e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas e o persoal funcionario interino docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Esta adscrición temporal en comisión de servizos estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente e que lle corresponda a adxudicación dunha praza das solicitadas de acordo cos criterios establecidos na regulación da adxudicación de destinos provisionais para o curso académico que corresponda.

A adscrición provisional ao persoal que superou o procedemento selectivo e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas realizarase inmediatamente despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal funcionario de carreira.

A adscrición provisional ao persoal funcionario interino docente realizarase despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal que ese ano superou o procedemento selectivo para ingreso ou acceso no corpo correspondente e estará, ademais, supeditada a que lle corresponda prestar servizos en función do número de prazas ofertadas da especialidade e do número de orde na adxudicación da persoa funcionaria docente interina.

1. Tipo I) Ter un fillo ou filla menor de catro anos, ou ter e convivir cun fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo II) Ter dous fillos ou fillas menores de seis anos, ou ter e convivir con dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo III) Ter tres fillos ou fillas menores de doce anos, ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos ou fillas computarase o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior a aquel en que se efectúa a solicitude.

Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia.

3. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos.

4. Cando ambos os cónxuxes ou parella de feito sexan persoal docente, só unha das dúas persoas poderá solicitar a comisión de servizos.

5. Poderán solicitar esta comisión as dúas persoas proxenitoras nos supostos de custodia compartida en virtude de sentenza xudicial.

As solicitudes deberán cubrirse a través da páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, http://www.edu.xunta.es/cadp, e presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia. OBRIGATORIAMENTE VÍA TELEMÁTICA: Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data da presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas deberán solicitar en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, agás os centros penitenciarios, os centros de educación permanente de adultos e os centros ordinarios en que se imparten ensinanzas de adultos e aqueloutros centros en que se imparten ensinanzas en réxime de xornada partida, que serán de solicitude voluntaria.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.

180308_ordecomisionconcilia