Currículo de técnico superior en Hípica


11 Dec, 2017

    DECRETO 121/2017, do 5 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo de grao superior correspondente ao título de técnico deportivo superior en Hípica.

 
   A competencia xeral do ciclo de grao superior en Hípica consiste en programar e dirixir o adestramento deportivo orientado cara á obtención e mantemento do rendemento no xinete ou na xinete, o binomio, o cabalo e os equipos; organizar, tutelar e dirixir a participación destes ou destas en competicións de alto nivel; coordinar a intervención de persoal técnico especialista; programar as tarefas e coordinar o persoal técnico ao seu cargo; organizar competicións e eventos propios da iniciación e tecnificación deportiva; e todo iso de acordo cos obxectivos establecidos, o nivel óptimo de calidade e en condicións de seguridade.
 
   Este profesional ou esta profesional desenvolve a súa actividade profesional tanto no ámbito público, xa sexa a Administración Xeral do Estado, as administracións autonómicas ou locais, como en entidades de carácter privado, xa sexan grandes, medianas ou pequenas empresas, en padroados deportivos, entidades deportivas municipais, federacións e clubs deportivos e sociais, centros turísticos, centros de cría e amestramento do cabalo, escolas de equitación, centros educativos, empresas de servizos de actividades ecuestres no ámbito extraescolar, de recreo e de lecer, que ofrezan programas de perfeccionamento nas disciplinas hípicas e de amestramento do cabalo para o alto rendemento. 
    

As ocupacións e postos de traballo máis relevantes para estes profesionais ou estas profesionais son as seguintes:

a) Profesor ou profesora de equitación.

b) Director ou directora de escola de equitación.

c) Adestrador ou adestradora de hípica de alto nivel.

d) Director ou directora técnico/a.

171211