Currículo de Técnico Deportivo en Judo e Defensa Persoal


04 Dec, 2017

 
    DECRETO 120/2017, do 28 de setembro, polo que se establece o currículo dos ciclos inicial e final de grao medio correspondentes ao título de técnico deportivo en Judo e Defensa Persoal.
 
   A competencia xeral do ciclo inicial de grao medio en Judo e Defensa Persoal consiste en dinamizar, instruír e concretar a iniciación deportiva en Judo e Defensa Persoal, organizar, acompañar e tutelar os judokas e as judokas durante a súa participación en actividades, competicións e eventos propios deste nivel; todo iso conforme as directrices establecidas na programación de referencia, en condicións de seguridade e co nivel óptimo de calidade que permita a satisfacción das persoas deportistas na actividade.
 
   Este profesional ou esta profesional desenvolve a súa actividade profesional tanto no ámbito público, xa sexa na Administración xeral do Estado, nas administracións autonómicas ou nas locais, como en entidades de carácter privado, xa sexan grandes, medianas ou pequenas empresas, en padroados deportivos, entidades deportivas municipais, federacións e clubs deportivos e sociais, centros educativos, empresas de servizos de actividades extraescolares, escolas de verán que ofrezan actividades deportivo-recreativas de descubrimento e iniciación en judo e empresas de seguridade para a formación do persoal. Sitúase nos sectores do deporte, o ocio e tempo libre, o turismo e a seguridade. 
 
   A competencia xeral do ciclo final de grao medio en Judo consiste en adaptar, dirixir e dinamizar o adestramento básico e o perfeccionamento técnico na etapa de tecnificación en judo e defensa persoal; organizar, acompañar e tutelar os judokas ou as judokas durante a súa participación en actividades, competicións e eventos propios deste nivel; xestionar os recursos materiais necesarios e coordinar as actividades do persoal técnico ao seu cargo; organizar actividades, competicións e eventos do nivel de iniciación deportiva; todo iso conforme as directrices establecidas na programación de referencia, en condicións de seguridade e co nivel óptimo de calidade que permita a satisfacción dos judokas ou das judokas participantes na actividade.
 
   Este ou esta profesional desenvolve a súa actividade profesional tanto no ámbito público, xa sexa a Administración xeral do Estado, as administracións autonómicas ou locais, como en entidades de carácter privado, xa sexan grandes, medianas ou pequenas empresas, en padroados deportivos, entidades deportivas municipais, federacións, centros de tecnificación, clubs deportivos e sociais, centros educativos, empresas de servizos de actividades extraescolares, casa de colonias, que ofrezan actividades deportivo-recreativas de iniciación e tecnificación desta modalidade deportiva. Sitúase nos sectores do deporte, o ocio e tempo libre, o turismo e a seguridade. 
171204_fpjudo